domingo. 22.12.2024

A Xunta vén de prorrogar a iniciativa Acende O Xacobeo trala exitosa acollida do proxecto, co que en decembro se iluminaron máis dun cento de monumentos e edificios singulares en toda España, 49 deles en Galicia, nunha conta atrás para o comezo do Xacobeo 2021. Nesta ocasión, implicará ás catro provincias a través da iluminación de diferentes monumentos e edificios nas sete principais cidades de Galicia, desde esta fin de semana e ata o vindeiro 25 de xullo, Día do Apóstolo.

Así, durante as fins de semana destes sete primeiros meses do ano, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e, por suposto, Santiago de Compostela iluminarán polo menos un edificio emblemático, no marco da celebración dun Ano Santo no que se quere implicar a toda a poboación e a todos os territorios, na liña da celebración dun Xacobeo descentralizador e aberto.

A iniciativa conta coa colaboración dos sete concellos implicados, que facilitan os puntos de luz necesarios para facer as iluminacións que tanto éxito colleitaron en decembro. De feito, algunhas delas xa se mantiveron desde o comezo de mes, como a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, a Cidade da Cultura de Galicia, a Torre de Hércules, a da Catedral de Ourense ou o Convento de San Francisco en Pontevedra. Outras iluminacións comezan esta fin de semana e outras farano finalmente na fin de semana do 15 de xaneiro, completando a relación total das sete cidades iluminadas de venres a domingo durante un total de 89 días.

PRIMEIRA EDICIÓN

Á iniciativa de Acende O Xacobeo sumáronse un total de 11 comunidades autónomas, ademais de Galicia: Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Navarra e a Comunidade Valenciana iluminando un total de 77 monumentos o que fai un total de 121 localizacións iluminadas dentro desta acción, na que se recreaban os pasos do peregrinos avanzando cara á súa meta final, Santiago de Compostela.

CONCURSO

Por outra parte, onte resolveuse o concurso de selfies organizado nas redes sociais de Turismo de Galicia e o Camiño de Santiago para promover esta iniciativa de iluminación artística de edificios na Ruta xacobea.

Así, este concurso, no que se premiaron os tres melloONCUres autorretratos que tiñan como fondo algún dos edificios iluminados, conseguiu 13.024 interaccións dos usuarios das redes sociais Facebook, Instagram e Twitter, cunha audiencia estimada de 1,6 millóns de persoas.

Este concurso, levado a cabo entre os días 22 e 31 do pasado mes de decembro en todo o territorio español, recibiu 290 comentarios positivos e o seu contido foi compartido 1.081 veces.

'Acende o Xacobeo' ilumina as sete cidades galegas ata o 25 de xullo