O Concello do Porriño organiza para o martes 6 de maio unha excursión gratuíta a Madrid centrada na obra do ilustre arquitecto porriñés Antonio Palacios. A iniciativa ofrece á veciñanza unha oportunidade única para coñecer a influencia do seu legado na capital española.
A actividade, de un día de duración, inclúe o traslado en autocar, seguro de viaxe, almorzo tipo picnic e xantar. O programa cultural comprende visitas de gran interese, como o Museo do Metro de Madrid, situado na histórica Estación de Chamberí, unha visita panorámica polos edificios máis emblemáticos do Madrid deseñado por Antonio Palacios, e a exposición "Madrid Metrópoli".

A saída está prevista desde o Pavillón Municipal de Deportes do Porriño. Esta excursión está dirixida exclusivamente a persoas empadroadas no municipio e conta con 50 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. O prazo para presentar as solicitudes abrirá o mércores 23 de abril ás 9:00 horas, e cada persoa só poderá reservar unha única praza por formulario.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a excursión combina cultura, coñecemento e participación cidadá. Será unha experiencia enriquecedora que permitirá descubrir fóra da nosa vila o valor e a dimensión da figura de Antonio Palacios, dun xeito accesible e compartido”.
Con esta proposta, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso con difundir o patrimonio local, fomentar o interese pola arquitectura e promover a cultura a través da participación activa da veciñanza.