O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía as instalacións da empresa Kiwi Atlántico, no Concello de Ribadumia, e destacou a calidade agroalimentaria dos seus produtos, principalmente distintas variedades de kiwis, e a súa aposta pola innovación e o mercado exterior.
"Kiwi Atlántico é un perfecto exemplo das moitas empresas punteiras que temos en Galicia e que forman parte dun tecido industrial líder, vangardista e moderno, en constante evolución, que conta co apoio da Xunta de Galicia ata situar á nosa comunidade entre as que presentamos os mellores parámetros económicos de España", sinalou o representante autonómico.
Luis López, que recibiu unha solicitude de reunión por parte dos responsables da empresa e decidiu trasladala ata as súas instalacións no lugar de Portarís para coñecer o seu funcionamento da man de Carlos Vila, louvou o crecemento de Kiwi Atlántico dende a súa creación en 1988 e tamén puxo en valor o apoio económico concedido pola Xunta nos últimos anos para axudar na súa expansión.
Así, esta empresa recibiu nos últimos anos 2,4 millóns de euros de achegas do Goberno galego, das que a práctica totalidade correspóndense co Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) da Consellería do Medio Rural e que se orientaron á industrialización e comercialización.
Paralelamente, Kiwi Atlántico tamén está a contar con achegas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para promoción exterior e accións de modernización coas liñas industria 4.0 e ReAcciona. Neste eido, destaca unha axuda de 44.000 euros outorgada o pasado ano para a optimización do proceso de maduración do kiwi mediante o emprego de cámaras.
"Estamos ante unha gran empresa, que quere seguir medrando e mellorando, que quere seguir aumentando a calidade dos seus produtos, optimizando o seu funcionamento e abrindo novos mercados. De feito, conta co sello de Galicia Calidade. En definitiva, é o tipo de industria da que nos sentimos orgullosos e que amosa o potencial de Galicia", detallou Luis López, que destacou que, ademais, trátase dunha industria con valor engadido, xa que ten moi repartida a súa participación ao contar con máis dun cento de socios e asociados.
Finalmente, destacou as súas grandes cifras con 35 millóns de euros de facturación e 150 empregados, incluíndo todo o grupo, e un volume de produción de máis de 7.000 toneladas anuais -o 60% de procedencia galega- entre os seus centos de hectáreas en España e Portugal e tamén noutros terreos doutros lugares do mundo.
"Ademais de acadar unhas cifras económicas moi importantes e xenerar moitísimo emprego, hai que poñer en valor a súa aposta polo tradicional, xa que tamén está inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia para a produción con esta modalidade natural", concluíu Luis López.