A innovación tecnolóxica ten raíces firmes no Porriño. A carpintería Joyla, cunha traxectoria de máis de dúas décadas, vén de dar un importante paso adiante coa modernización do seu equipamento. Esta mellora foi posible grazas ao financiamento de Galicia Suroeste, a través das axudas da Medida Leader para proxectos produtivos na convocatoria 2023-2024.
A presidenta do grupo de desenvolvemento rural, Sandra González, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron as renovadas instalacións o xoves pasado para coñecer de primeira man o impacto desta modernización e salientar a importancia dos proxectos financiados pola Medida Leader para o tecido produtivo e social da comarca. Cunha axuda de 33.000 euros, que representa o 45% do investimento total, Joyla conseguiu consolidar 16,5 postos de traballo e crear tres novos contratos indefinidos a xornada completa.
Sandra González subliñou o impacto positivo deste proxecto na economía local: “Este tipo de iniciativas demostran o que significa apostar polo noso rural: crecemento económico, estabilidade laboral e excelencia nos produtos. A aposta firme de Galicia Suroeste e a Medida Leader pola excelencia e a competitividade garante que o tecido empresarial do territorio continúe medrando e fortalecendo o noso rural”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, expresou o orgullo que supón para o municipio ver como empresas locais apostan por permanecer no rural e contribuír ao seu desenvolvemento económico e social: “Proxectos como este demostran que o rural non só é unha opción viable, senón que tamén é un lugar de oportunidades. Joyla é un exemplo de como reinventarse, apostar pola modernización e investir en innovación pode ser a clave para continuar medrando e consolidarse como referente no sector tanto a nivel nacional como internacional”.
O proxecto centrouse na adquisición dunha cabina de presurización que permite captar, aspirar, filtrar e secar as pinturas e lacas dos diferentes procesos de recubrimento. Este espazo pechado illa o proceso de pintado, evitando a entrada de po e a contaminación exterior. O novo equipamento mellora os acabados das pezas á vez que incrementa as condicións de seguridade e hixiene para o persoal, un valor engadido importante para a empresa.
Con estas melloras, Joyla elimina procesos manuais que supoñían un maior custo económico e de tempo, avanzando cara á tecnificación para aumentar a súa competitividade, eficiencia e eficacia. Deste xeito, reforza o seu posicionamento como referente no sector, integrando tradición, modernidade e un profundo compromiso coa satisfacción dos seus clientes e co tecido económico local.