A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda volveu insistir hoxe en que a Lei de cambio climático, actualmente en tramitación no Congreso, porá en perigo o futuro das empresas e actividades económicas asentadas na costa galega en base a concesións legalmente concedidas.
Durante unha comparecencia na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento, a secretaria xeral técnica da Consellería, Carmen Bouso, defendeu as prórrogas extraordinarias de ata 75 anos concedidas ás industrias do litoral, e mesmo ás que se poidan solicitar no futuro, ao abeiro da Lei de costas de 2013. “O Estado di que na costa non pode haber industria, non pode haber ningunha conserveira, non poden haber nada”, indicou.
Por iso, considerou que o Goberno do Estado utiliza a nova Lei de cambio climático para facer unha “interpretación retroactiva” da normativa estatal de costas para poder dicir que non permite esas prórrogas extraordinarias “legalmente establecidas” polo lexislador en base a un “artigo metido pola porta de atrás” e poñendo deste xeito “en risco” todas as actividades económicas vencelladas ao litoral galego.
En concreto, explicou que o artigo 18 da devandita norma implica, de facto, unha modificación da Lei de costas do ano 2013 no relativo á duración das prórrogas extraordinarias e que, coa súa redacción actual, suporía o fin da actividade para moitas empresas asentadas no litoral en todo o país. “É inconstitucional e vai contra a seguridade xurídica”, engadiu a secretaria xeral técnica, quen emprazou aos grupos parlamentarios a non deixar que outros “decidan sobre o futuro da nosa costa e da nosa xente”.
A comparecencia de Carmen Bouso prodúcese despois de que o pasado venres a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reivindicara ante o Goberno central a necesidade de que conte coa participación das comunidades cando impulse normativas de carácter estatal e cunha incidencia directa en asuntos clave para o exercicio das súas competencias, como é o caso da Lei de cambio climático.
Segundo as estimacións da patronal, se o artigo 18 da lei sae adiante coa súa actual redacción, o seu impacto só en Galicia podería supoñer a perda duns 37.000 postos de traballo e 10.000 millóns de euros, o equivalente ao 3% do PIB galego.