A Xunta traballa no desenvolvemento de nove polígonos agroforestais na provincia de Ourense. Deles, sete están xa iniciados -nos concellos de Oímbra, Cualedro, A Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei e Paderne de Allariz- e dous atópanse en fase de actuacións previas, nos municipios de Larouco e Castrelo de Miño. Unha vez rematados, suporán a mobilización, en conxunto, de máis de 600 hectáreas na provincia ourensá.
Precisamente, o conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe en Castrelo de Miño a zona de Prado, na que se localizará o devandito polígono, de iniciativa pública e cunha superficie de 52 hectáreas, que corresponden a 113 propietarios. Este polígono estará orientado ao cultivo de viñedo para a Denominación de Orixe Ribeiro. En toda Galicia, segundo trasladou o conselleiro, son dez os procedementos xa iniciados (contabilizando os sete comezados en Ourense), cunha superficie superior ás 4.000 hectáreas.
LEI DE RECUPERACIÓN
O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, sinalou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo destas iniciativas, tal como detallou José González, é dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Isto, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren ou, en todo caso, para minorar o seus efectos, salientou o conselleiro.
Os polígonos agroforestais céntranse en potenciar os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal-. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.
Así mesmo, a norma establece que cos polígonos poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.
Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, entre as que cómpre destacar dúas: as aldeas modelo, que pretenden recuperar as contornas de núcleos de poboación, e as agrupacións de xestión conxunta, que buscan unha xestión sustentable e eficiente dos terreos agroforestais, co fin de recuperalos e poñelos en valor, remarcou González.