O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe o centro de prensa dende onde mañá se difundirán os resultados das Eleccións ao Parlamento de Galicia, nas que están chamados a votar máis de 2,2 millóns de galegos, nas 3.951 mesas distribuídas polos 2.346 locais electorais.
Precisamente, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, será quen mañá se encargará de comparecer ante aos medios de comunicación. Está previsto que ao longo do día de mañá se produzan catro comparecencias. A primeira ás 10,30 horas para dar conta da apertura de mesas e posibles incidencias; outras dúas para trasladar os avances de participación, ás 12,30 e ás 17,30; e outra máis unha vez o reconto estea avanzando para informar dos resultados provisionais do escrutinio, a partir das 21,30 horas.
O censo electoral para estas eleccións ao Parlamento galego ascende a 2.693.633 persoas xa que aos máis de 2,2 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 476.544 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).
O electorado contará con preto de 41 millóns de papeletas e máis de 4 millóns de sobres de votación. Durante a xornada electoral, tamén foron designados para toda Galicia 2.628 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.
INFORMACIÓN EN TEMPO REAL
O director xeral tamén lembrou que está dispoñible para descarga a aplicación móbil das eleccións, así como a páxina web https://resultados2024.xunta.gal, nas que se poderán seguir en tempo real as comparecencias de prensa, así como os datos de participación e o avance en directo do escrutinio a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concello, incluíndo comparativas coas eleccións do 2020.
Ademais da app e da web de resultados, cómpre destcar que a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2024.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral.