A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo López, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, inaugurarán mañá, martes 28 de novembro, ás 10,00h, o V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, que nesta edición leva por título “Intelixencia artificial: unha ferramenta para a igualdade?”.
O foro, que terá lugar ao longo da mañá no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, contará coa intervención de relatoras expertas e especializadas en IA, como Idoia Salazar García, presidenta e fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA; Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal de ARES, da Universidade de Deusto; Violeta Molina Gallardo, correspondente de Xénero da Agencia EFE e gañadora do V Premio de Periodismo contra la Violencia de Género da Fundación Aliados por la Integración; Raquel Holgado, redactora de Tecnoloxía do xornal 20 Minutos; ou Carolina González Valenzuela, redactora da publicación Computer Hoy.
Canda elas, tamén, Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista -respectivamente-, de La Nación Data do xornal arxentino La Nación (primeiro xornal que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade); Raúl Romar García, responsable de Ciencia do xornal La Voz de Galicia; e Rosa Vilas Núñez, adxunta ao director xeral da CRTVG.
O Congreso, con entrada libre para o público e cuxos presentadores/moderadores serán profesores e alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, servirá tamén para coñecer as accións desenvolvidas pola Administración autonómica para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, da man da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. E a encargada de clausurar o foro, a partir das 14,00h, será a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade compostelá, Ana Isabel Rodríguez, á que acompañará a presidenta da APG, María Méndez.