jueves. 26.12.2024

A piques de cumprirse o 20 aniversario da declaración das Illas Atlánticas como parque nacional, a Xunta de Galicia puxo hoxe en valor a posición de referencia a nivel internacional acadada por este espazo no eido do turismo sostible e respectuoso coa natureza.

Precisamente por iso as illas Cíes foron o escenario escollido polo Goberno galego para acoller o acto central da Semana por unha Galicia sostible, organizada para conmemorar o Día mundial do medio ambiente que hoxe cumpre medio século co reto de seguir concienciando sobre a necesidade de protexer o planeta e salvagardar os recursos.

Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que en compañía da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, se desprazou en barco ata as Cíes para realizar a ruta peonil do Alto do Príncipe, unha das zonas coas vistas máis espectaculares de toda a illa.

Tras lembrar que o vindeiro 1 de xullo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia cumprirá dúas décadas como tal, Vázquez Mejuto salientou que neste período de tempo o conxunto que conforman os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada consolidouse como todo un referente medioambiental non só a nivel galego senón tamén nacional e internacional.

Neste sentido, subliñou a importancia que ten para os seres humanos poder vivir en “harmonía e paz coa natureza”, recordando que o noso patrimonio natural é un dos sinais de identidade de Galicia e un factor clave que cada ano atrae a un maior número de visitantes á Comunidade, sendo as Illas Atlánticas un dos seus principais reclamos.

Así o demostran os datos de afluencia que rexistra o Parque Nacional durante as épocas nas que se permite o transporte regular a Cíes e Ons —do 15 de maio ao 15 de setembro e durante a Semana Santa— cunha tendencia crecente que só se viu alterada polas restricións impostas debido á crise da covid.

Ao respecto e tras indicar que nos cinco primeiros meses do ano case 50.000 persoas visitaron as Illas Atlánticas, a conselleira considerou que estes datos permiten prognosticar que 2022 volverá rexistrar cifras de visitantes previas á pandemia e recuperará a tendencia pola que está considerada a “xoia da coroa” do patrimonio natural da Comunidade.

Así, recordou que entre xaneiro e maio do ano pasado o balance de visitantes dos catro arquipélagos foi de 18.776 persoas mentres que no mesmo período de 2020, coincidindo cos meses de confinamento, a cifra se situou en apenas 2.332 visitantes.

INVESTIMENTOS

Co fin de potenciar o papel de referencia que teñen xa as Illas Atlánticas no eido da protección do patrimonio natural e do seu aproveitamento público desde unha perspectiva respectuosa coa contorna, Ángeles Vázquez salientou o esforzo investidor que fará a Consellería nos vindeiros anos para consolidar a posta en valor deste espazo.

En concreto, a Xunta levará a cabo actuacións no Parque Nacional que suman un investimento de máis de 6,1 millóns de euros, con medidas tan relevantes no caso de Cíes como a construción dunha nova rede de abastecemento de auga, a mellora da caseta de información aos visitantes ou os traballos de restauración e protección ambiental que se centrarán, sobre todo, no Castro das Hortas e na duna de Muxieiro.

Illas Atlánticas, 20 anos da súa declaración como Parque Nacional
Comentarios