A presidenta e fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA, Idoia Salazar García, unha das ponentes do V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia, afirmou nese foro que “un dos grandes inconvintes que trouxo a IA é o relativo á discriminación, con problemas de nesgos de xénero, raza…, derivados en moitos casos da falta de coidado cos datos de entrenamiento e dunha confianza excesiva no sistema de intelixencia artificial á hora de automatizar a toma de decisións”.
Nembargantes, Salazar tamén cré que “os sistemas de IA tamén se poden usar para combater estes problemas, e convertirse dese xeito, nun potencial aliado pola igualdade de xénero”. “Poden usarse”, afirmou, “para identificar e corrixir nesgos na toma de decisións, tanto en contornas corporativas, como sociais”. “Por exemplo, en procesos de selección de persoal, poden axudar a identificar e eliminar nesgos nas descripcións de traballo e nos criterios de selección, asegurando un proceso máis xusto e imparcial".
A presidenta de OdiseIA está convencida ademais de que a IA pode supoñer “unha axuda significativa á hora de monitorizar e analizar as representacións de xénero nos medios de comunicación e na publicidade, proporcionando datos valiosos que axuden a promover unha representación máis equitativa e diversa”. “É dicir”, concluiu, “axudaranos a ser máis conscientes dos nosos propios nesgos inconscientes e mesmo pode colaborar co humano na elaboración de estratexias para conquerir cambios máis eficientes e significativos”.
No Congreso, que contou coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) -en cuxo auditorio tivo lugar-, tamén interviu como relatora Miren Gutiérrez Almazor, investigadora principal do grupo ARES da Universidad de Deusto. A profesora asegurou que “malia que a decisión algorítmica ten a capacidade de aumentar a eficiencia, ao poder procesar datos masivos en tempo real, tamén se están empezando a descubrir os danos que pode xerar cando incorpora nesgos inxustos e estereotipos”.
Gutiérrez centrouse na súa intervención na “desinformación de xénero”, unha das variedades dese dano algorítmico, que é a que se dirixe contra as mulleres que ocupan o espazo público. De feito, lembrou, “o secretario xeral de Nacións Unidas, Antonio Guterres, cualificou a proliferación de mensaxes de odio e desinformación nas plataformas, como risco existencial”.
E engadiu que “as plataformas e os seus algoritmos teñen un papel fundamental na promoción da desinformación de xénero, ao dar prioridade á participación e monetizar os datos, facendo que sexa máis viral e adictiva que a propia información”.
Na inauguración do Congreso participaron a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, Elena Rivo López, o reitor da USC, Antonio López Díaz, e a presidenta da APG, María Méndez.
A titular de Igualdade do Goberno galego defendeu “a permeabilidade da profesión xornalística ante os avances sociais e tecnolóxicos de cada época” e agradeceu á APG “o seu compromiso cos dereitos das mulleres a dignificación da profesión xornalística”.
Rivo quixo ademais reiterar “o papel indispensable das comunicadoras e comunicadores na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria, e no desenvolvemento dun espírito crítico, que permita empregar as intelixencias artificiais con responsabilidade e perspectiva de xénero”.
Pola súa banda, o reitor da USC, subliñou que “a IA está sendo un reto para todos, unha grande oportunidade, pero que tamén está chea de ameazas, primeiro nos propios datos, como despois, por como se procesan”. Segundo el, o primeiro que se debe facer é “loitar contra a fenda de xénero no acceso ás ferramentas da IA” e destacou que, nesa liña, as tres universidades galegas veñen de poñer en marcha un grao sobre intelixencia artificial.
López afirmou que “é necesario empezar a pensar en regulación, en normas, malia que moitas veces estas adoitan ir por detrás da realidade e dos avances tecnolóxicos”. E destacou o papel que deben desempeñar os profesionais da comunicación á hora de detectar, analizar e corrixir os nesgos de xénero. “Debemos complementar a IA coa intelixencia natural dos profesionais da comunicación, para que non siga incrementándose a fenda de xénero que xa existe”, dixo.
E a presidenta da APG, María Méndez, agradeceu “a implicación da Universidade de Santiago, do seu reitor e, en particular, a asistencia e apoio da decana, vicedecana, profesores e alumnos de Ciencias da Comunicación”, pero tamén salientou que a esta cita congresual non tería sido posible sen “a decidida aposta da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia”.
Méndez lembrou que o auditorio de Ciencias da Comunicación é “un espazo de luxo para convocar e implicar aos futuros profesionais do xornalismo neste obxectivo de acadar a plena igualdade e erradicar a violencia de xénero”, malia que tamén alertou de que, “a tenor das primeiras experiencias, ese propósito podería empañarse coa irrupción da intelixencia artificial”.
No Congreso tamén participaron como ponentes Violeta Molina Gallardo, correspondente de Xénero da Agencia EFE e gañadora do V Premio de Pderiodismo contra la Violencia de Género da Fundación Aliados por la Integración; Raquel Holgado, redactora de Tecnoloxía do xornal 20 Minutos; Carolina González Valenzuela, redactora da publicación Computer Hoy; Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista -respectivamente-, de La Nación Data do xornal arxentino La Nación (primeiro xornal que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade); Raúl Romar García, responsable de Ciencia do xornal La Voz de Galicia; e Rosa Vilas Núñez, adxunta ao director xeral da CRTVG.
O Congreso rematou cun relatorio da secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Sandra Vázquez Domínguez, sobre as accións que está desenvolvendo a Administración galega para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, e foi clausurado pola decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Ana Isabel Rodríguez, á que acompañou a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez. Tódalas conferencias e paneis desta cita anual da APG foron presentados e moderados por profesores a alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade compostelá.