O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que esta mañá trasladou ao Consello a decisión de convocar eleccións autonómicas para o domingo 18 de febreiro, logo de que Galicia fose esta mesma semana a primeira comunidade en aprobar os seus orzamentos para o vindeiro ano. O obxectivo é, segundo salientou, facer que “Galicia siga sendo como é”, unha comunidade “referente na maioría das cousas importantes” e un modelo de fiabilidade, estabilidade e credibilidade.
Rueda informou de que o vindeiro martes sairá publicado o decreto da convocatoria das eleccións autonómicas no Diario Oficial de Galicia (DOG). O presidente indicou que tomou esta decisión unha vez aprobados os orzamentos para 2024 que blindan as medidas e proxectos previstos para o vindeiro ano.
Nesta liña, destacou que se trata dos orzamentos “máis altos da historia” da comunidade -ao superar os 13.250 millóns de euros- cos que se manterán medidas nas que Galicia é referente como a gratuidade das escolas infantís, a baixada de impostos, a equiparación das familias numerosas as de dous fillos ou contar co calendario de vacinación máis completo do mundo. E permitirá aplicar novas medidas coma o bono deporte para apoiar ás familias con fillos que practican deporte federado ou en Xogade, o autobús gratuíto para os maiores de 65 anos ou o bono de 5.000 euros para as persoas con dependencia que son coidadas nos seus domicilios.
O presidente salientou que Galicia “leva 15 anos aprobando os orzamentos en tempo e forma”, o que é algo excepcional noutros territorios, e apostou por seguir traballando para manter á comunidade como “a illa de estabilidade” que é na actualidade.