O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou iniciar a tramitación do Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas “que vai equiparar as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco”. É dicir, tal e como explicou, grazas a nova normativa “quedará prohibida a venda e consumo destes dous produtos a menores de idade” na comunidade galega.
Tendo en conta os resultados da última enquisa ESTUDES publicada en 2022 sobre as tendencias de consumo da mocidade en canto a alcohol, tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas, xogo e uso de internet e novas tecnoloxías, a Consellería de Sanidade deseñou unha lei que promove hábitos de vida saudables e regula o seu consumo, especialmente entre menores. Esta norma segue o mandato acordado polo Parlamento de Galicia de forma unánime en 2021 a través dunha proposición non de lei.
Rueda salientou que grazas a esta normativa “Galicia se vai situar á vangarda na prevención de condutas adictivas en menores de idade” e resaltou que o obxectivo é “combater os efectos perniciosos acreditados” de substancias coma os cigarros electrónicos ou as bebidas enerxéticas. Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou que se trata dunha lei que busca “previr máis que castigar” e coa que se busca “concienciar a sociedade galega” sobre os efectos para a saúde destes produtos e “reducir a tolerancia” que aínda pode existir cara eles.
CONCIENCIACIÓN PIONEIRA SOBRE BEBIDAS ENERXÉTICAS
O presidente resaltou que Galicia “vai ser pioneira” na regulación das bebidas enerxéticas “que conteñen altas doses de cafeína e outras substancias estimulantes”. Así, no proxecto de lei que será publicado no Portal de Transparencia da Xunta, prohíbese o seu consumo por parte de menores, dado que poden producir alteracións do sono, ansiedade, irritabilidade, arritmias e outras problemáticas de carácter neurolóxico ou psicocomportamental. Ademais, é preocupante a súa mestura con alcohol, xa que as bebidas enerxéticas enmascaran os efectos depresivos das bebidas alcohólicas.
Polo tanto, en Galicia non estará permitido dirixir publicidade de bebidas enerxéticas a menores de idade. Igualmente, non poderán ser promocionadas en centros sanitarios, centros docentes para menores e centros destinados a menores, en espazos recreativos como parques temáticos, espazos de entretemento ou divulgación e en recintos ou espazos de actividades deportivas no momento en que deportistas ou practicantes sexan maioritariamente persoas menores. Nestes mesmos espazos, estará prohibida a venda de bebidas enerxéticas. En canto á publicidade, entendendo o poder de influencia sobre infancia e adolescencia, os eventos dirixidos a menores non poderán estar patrocinados por este tipo de produtos.
Desta forma, do mesmo xeito que as persoas menores non terán permitido consumir nin comprar bebidas enerxéticas, estará prohibida a súa venda a menores así como a súa presenza en máquinas expendedoras. No resto de establecementos, a localización das bebidas enerxéticas deberá estar separada dos refrescos para evitar que se conciban como produtos similares e deberá esixirse o DNI para acreditar a maioría de idade da persoa consumidora, salvo que sexa evidente de forma clara.
No que se refire ao alcohol, tal e como explicou o conselleiro, esta nova lei introduce como novidade que as xefaturas territoriais de Sanidade, e non os Concellos, poidan impoñer sancións á práctica do botellón e ademais, poderán ser sancionados os concellos que permitan a presenza de botellóns no seus territorios.
En canto á publicidade, as bebidas alcohólicas, cando se publiciten na vía pública, terán que localizarse a máis de 200 metros de calquera centro docente ou de protección de menores. En revistas, libros ou folletos, a súa publicidade non poderá estar situada na portada ou contraportada e, nos folletos que conteñan no seu interior ofertas ou promocións de bebidas alcohólicas en supermercados galegos, o anuncio deberá incorporar un código QR que remita a unha web da Xunta con mensaxes informativas para previr o seu consumo. Como excepción, estas limitacións non serán aplicables a festas declaradas de interese turístico.
PREVENCIÓN DO TABAQUISMO EN MENORES
No referente aos cigarros electrónicos, Rueda lembrou que “inclúen nicotina” e que “aínda que as veces se venden son deseños pensando na poboación más nova, non son produtos para nenos e adolescentes”. Por iso, con esta nova normativa Galicia prohibirá a súa compra e uso por parte de persoas menores, equiparando a lexislación deste produto á normativa referente ao tabaco.
Do mesmo xeito, para reducir os efectos nocivos de ser fumador pasivo, establécese a prohibición de fumar nas marquesiñas e paradas do transporte público ou nas piscinas de uso público e regúlase un espazo libre de fume obrigatorio de 50 metros a cada lado con respecto a dependencias das administracións públicas, recintos sanitarios ou centros docentes e formativos.
Así, preténdense reducir os riscos para a saúde que provocan o tabaco, xa que é a primeira causa de morte evitable segundo a Organización Mundial da Saúde e causa de 12 tipos de cancro, máis alá do cancro de pulmón.
EDUCACIÓN NO USO DE NOVAS TECNOLOXÍAS
Ademais a Xunta facilitará formación ás familias e incorporará ao currículo educativo pautas sobre a supervisión, tempos de uso e contidos de redes sociais e novas tecnoloxías entre menores porque o seu uso inadecuado pode levar ao fracaso escolar ou a problemas de relacións interpersoais de diversa gravidade.
No que atinxe aos videoxogos, tal e como explicou Comesaña, a lei promovida pola Xunta marcará nos establecementos de venda unha organización clara de cada videoxogo en función da idade recomendada.
APOSTA POLA INFORMACIÓN FRONTE ÁS SANCIÓNS
O texto acordado hoxe no Consello da Xunta inclúe un apartado das sancións correspondentes a cada tipo de infracción, para garantir o seu cumprimento, aínda que se especifica que as infraccións leves ou graves poden substituír a multa correspondente por programas preventivos ou asistenciais que a Consellería de Sanidade xa facilita actualmente a través de unidades de prevención de condutas adictivas en concellos ou asociacións.
Desta forma, búscase acadar o obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre a poboación galega. Así, unha persoa que fume onde non está permitido exponse a unha sanción que pode chegar aos 601,01 euros no seu grao mínimo ou ben podería ser conmutada por cursos para deixar de fumar ou eliminar o hábito de consumir alcohol en botellóns. No caso de persoas ou establecementos que, por exemplo, permitan o consumo de substancias prohibidas para menores ou fumar en lugares prohibidos poden ser sancionados coa suspensión de subvencións públicas de concellos ou da Administración autonómica.
O contido desta lei foi tratado cos sectores da hostalería e ocio nocturno, bebidas alcohólicas ou supermercados de nivel nacional en máis dunha ducia de reunións.