martes. 03.12.2024

A directora

médico do Balneario de Mondariz, a doutora Laura

Gómez, sinala que para gozar dun envellecemento favorable cómpre ter

hábitos de vida físicos, mentais e sociais saudables. “E a hidroloxía médica,

baseada no uso das augas mineromedicinais, constitúe unha ferramenta moi

valiosa para este colectivo, xa que contribúe a retardar a vellez, ao tempo que

permite abordar certas patoloxías asociadas á idade” -manifesta a doutora-. Indica

que axuda tanto á prevención de enfermidades como ao tratamento e

rehabilitación no caso de patoloxías crónicas de tipo reumatolóxico,

respiratorio, dermatolóxico…

A doutora

salienta que “grazas ao efecto antioxidante e antiinflamatario das augas mineromedicinais

retárdase o proceso de envellecemento. Ademais, o seu efecto estimulante favorece

a reactivación da capacidade física e psíquica das persoas, en particular dos

pacientes xeriátricos”.

“Os balnearios, como centros sanitarios especializados na promoción da saúde, axudan a mellorar a calidade de vida dos pacientes. O seu eixe principal é a cura balnearia a través da auga mineromedicinal, pero tamén é importante todo o que conlevan as diferentes técnicas de balneación (bañeiras, aplicación de auga a presión, parafangos, inhalacións…); xunto cunha correcta orientación nutricional, actividade física ou deportiva axeitada, apoio psicolóxico, a relación directa médico-paciente e o propio ambiente relaxante que rodea ao balneario” -explica a doutora-.

XORNADAS EN MODARIZ

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Mondariz acolle esta fin de semana unhas xornadas dirixidas a futuros médicos. Centraranse no papel que cumpren os centros termais de cara a favorecer o envellecemento activo das persoas da terceira idade. Un grupo de estudantes de Medicina da USC, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor terapéutico das augas mineromedicinais neste senso.

As xornadas comezan este venres, 13 de marzo, ás 16.30 horas, cunha charla da doutora Gómez sobre o balneario de Mondariz. Logo os asistentes farán un percorrido polas instalacións e terán a oportunidade de realizar unha sesión práctica no Palacio da Auga. O sábado pola mañá o recuperador físico do balneario, Jonás Rodríguez, tratará os beneficios da balneoterapia no paciente xeriátrico. A continuación, a fisioterapeuta do centro, Miriam Gómez, explicará as aplicacións da hidroterapia en fisioterapia neste tipo de pacientes. E ao final da mañá os futuros médicos terán unha sesión práctica para coñecer de preto estas aplicacións terapéuticas.

“Grazas ao efecto antioxidante e antiinflamatario das augas mineromedicinais retárdase...