O complexo deportivo municipal Álvaro Pino de Ponteareas acolle este domingo día 8 o XVII Campionato Galego sub 11 de bádminton. A porta pechada e sen público será unha edición adaptada ás normas de seguridade sanitaria e distanciamento social, segundo explica o Club Bádminton Ponteareas.
Organizada polo club e pola Federación Galega de Bádminton en colaboración coa concellaría de Deportes de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra e o servizo provicial de deportes da Xunta de Galicia, o XVII campionato recibirá a 49 nenos e nenas, cifra histórica para o bádminton galego nesta categoría.
Cun riguroso protocolo de seguridade anti COVID marcado por Sanidade e pola Xunta de Galicia, o club explica que terá lugar de 10 horas a 17 horas aproximadamente e os e as deportistas representarán ás catro provincias. Tan só os participantes e o persoal organizador e de seguridade poderán acceder ás instalacións.
O campionato desputarase nas categorías individual feminina, individual masculiono e dobres.
O Club Bádminton Ponteareas retransmitirá en directo os partidos a través da súa páxina de facebook para que todos e todas poidamos gozar deste deporte https://www.facebook.com/cb.ponteareas
O Bádminton Ponteareas quere agradecer a colaboración de todas as institucións así como a de Protección Civil Ponteareas e a das casas comerciais (Frutas Santi, Biziebike, Deportes Carlos Miguel e Repuestos Ojea).
Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes en funcións, anima a toda a cidadanía a seguir a emisión en directo facendo así un uso útil das redes sociais e da tecnoloxía que ademais nos permite gozar dunha actividade en familia e amosar o noso apoio a todos e todas as deportistas.