O Concello de Ponteareas será o escenario mañá, sábado 12 de abril, do IV Trofeo Norte vs Sur de natación, un evento que reunirá aos 80 mellores nadadores e nadadoras de toda Galicia.
A competición, que enfrontará a dúas seleccións representando o Sur (Pontevedra e Ourense) e o Norte (A Coruña e Lugo), terá lugar no complexo deportivo Álvaro Pino dende as 10:00 horas ata as 17:00 horas. Os gañadores de diversos clubs unirán forzas para demostrar que zona de Galicia conta cos mellores talentos na piscina.
Esta xornada deportiva será aberta ao público, ofrecendo a oportunidade de presenciar o espectáculo dos vinte mellores nadadores de cada provincia. Destaca a participación de 7 deportistas do Club Natación Ponteareas dentro da representación pontevedresa.
O evento contará con entrada gratuíta e permitirá ao público seguir as probas oficiais a pé de piscina na zona habilitada. Ademais, o presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera, adiantou durante a presentación a inclusión de modalidades novidosas como a skin race, onde os últimos clasificados de cada manga preliminar son eliminados. No acto de presentación tamén participaron o coordinador do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, José Manuel Freire; o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez e a alcaldesa, Nava Castro.
Todos os presentes salientaron o excepcional traballo do club local e os excelentes resultados dos seus nadadores, que ademais dos numerosos podios acadados nas competicións, veñen de conseguir dez medallas de ouro e prata no Campionato Galego de Natación Adaptada.