Un total de 96 atletas galegas e galegos de categoría máster viaxarán esta fin de semana ata o Palau Velòdrom Lluis Puig de Valencia para tomar parte no Campionato de España de pista cuberta da modalidade. A cita desenvolverase durante os días 4, 5 e 6 recollendo a cidade do Turia o testigo da última edición desenvolta fai uns meses en Ourense.
Malia a importante distancia que separan as dúas Comunidades, Galicia é a sexta federación en canto ao número de participantes inscritos e inscritas o que reflexa a importancia e dinamismo deste salientable sector do noso deporte.
DESTACADA PRESENZA
Dos que viaxan ata terras do levante, destaca a presenza de varios dos campións de España da última edición disputada en Ourense os cales intentarán revalidar os seus respectivos títulos. Entre eles estarán Miguel Gómez do Real Club Celta na M35 quen tomará parte na proba dos 200 m., Xoán Luis Paz do Marineda nos 60 valos M50, Fernando Míguez do C.A.Sada no Triplo salto M50, Xulio Ventín da Gimnástica en Peso M60, así como a dos marchadores Juan Morales do Marineda na M40 e Manuel Polo do Narón na M45
Na categoría femenina salientamos de igual modo as campioas de España Inés Papín do C.A.Sada nos 1.500 m. na F50, Helena Acuña da Gimnástica no Peso F45 así como a do equipo de relevos dos 4x200 F45 do Club Atletismo Sada
A maiores e ante a ausencia de Pepín Rioseco, a plusmarquista mundial de 3.000 m. Esther Pedrosa na F60 será a abandeirada da expedición galega onde ademáis tomará parte tanto sobre 1.500 m. como sobre os 3.000 m. Outro dos plumarquistas nacionais que estará presente será Domingo Álvarez do Burgas Ourense na M65 a quen veremos intentar repetir o triplete que sobre os 400 m., 800 m. e 1.500 m. xa lograra en Ourense.