Ponteareas acolle esta fin de semana a Copa Galega de Promoción de Slalom de piragüismo para padexeiras e padexeiros de 7 a 14 anos. O domingo 13 a partir das 11.00 horas a praia da Freixa será o escenario no que se desenvolva este campionato, a primeira proba da Liga Galega de Promoción e unha actividade que “ao mesmo tempo que potencia o deporte pon en valor unha contorna natural como é a o noso río Tea. Queremos agradecer o grande esforzo que están a facer dende o club e a federación para organizar esta competición e seguir dándolle pulo a un deporte que é pouco habitual pero que temos que potenciar”, salientou Miguel Bouzó, responsable da concellaría de Deportes.
Arredor de 80 padexeiras e padexeiros participarán nesta proba que contará con todas as medidas de prevención, como o balizado da zona para separar o espazo destinado ao público do destinado aos clubs e incluso para separar aos diferentes grupos. “Para nós supón un esforzo organizativo, pero para nós é importante seguir adiante, porque os rapaces e rapazas necesitan ter actividade e que a vida se pareza o máis posible á normalidade. E facélomo con ganas e entusiasmados”, asegurou Manuel Freiría, presidente do Club Piragüismo Tea, organizador da proba.
Pola súa banda, dende a Federación Galega de Piragüismo amósanse contentos pola canteira que se está a formar neste deporte do que Galicia ten a 5 dos 15 clubs existentes a nivel estatal. “Temos que coidalos, porque é unha modalidade olímpica na que grazas ao traballo dos clubs contamos xa con deportistas internacionais e incluso con 3 medallistas mundiais, aínda que non temos a canle de adestramento que precisariamos”, recalcou o presidente da federación, José Alfredo Bea. “Saímos dun ano complicado con máis forza traballando man a man cos clubs para lograr o gran sono do slalom autonómico: ver en París á primeira padexeira ou padexeiro galego da historia en participar nuns xogos olímpicos”, subliñou.