jueves. 21.11.2024

Un total de 23 atletas galegas e galegos tomarán parte durante esta fin de semana nas dúas citas nacionais que terán en Zaragoza e Castellón as súas sedes de disputa.

Ata Castellón acudirá un nutrido e importante número de lanzadoras e lanzadores que concursarán no Campionato de España de Lanzamentos longos de categorías menores. Na relación se atopan algúns dos máis importantes a nivel nacional nestes intres entre os que salientamos a actual campioa de España de pista cuberta Sub20 en peso Xiana Lago do Ría Ferrol quen estará lanzando en disco. Outra das campioas de España presentes será a Sub18 Blanca Pereira do Ourense Atletismo a quen veremos na gaiola de martelo.

Continuando co martelo, a Sub20 Marta Neira estará defendendo o título logrado o ano pasado, aspirando o coruñés da mesma categoría Nicolás Ortega do C.A.Sada, a mellorar o seu bronce do 2021 en disco.

Atención á participación das líderes do ranking nacional Sub20 Paula Piñón do A.F.Celta en xavelina e a Sub16 Marta Hermida do A.F.Celta en martelo. Tampouco perderemos de vista ao xavelinista Enzo López do At. Barbanza quen xa fora medallista no nacional Sub16 de Lleida.

Por último poderemos seguir as evolucións no martelo do céltico Eric Méndez quen pouco a pouco volve a estar na élite nacional logo da súa importante lesión do ano pasado.

A RUTA MÁSTER

De igual modo este domingo disputarase na capital aragonesa unha nova edición do Campionato de España de marathon para as categorías absoluta e máster.

Ata alí acuden un total de nove galegos militantes todos en clubes ourensáns, cuxo obxectivo será acadar un bo rexistro e unha boa clasificación nas súas respectivas categorías. Dos mesmos salientamos a presenza de Ricardo Vázquez do ADAS CUPA , finalista no nacional de media marathon do ano pasado en Cantabria na categoría máster 45.

Campionatos de España de lanzamentos e de marathon