sábado. 23.11.2024

Ponteareas volve ser esta fin de semana epicentro do bádminton a nivel galego. Este domingo 4 o pavillón municipal Álvaro Pino acolle o Campionato galego sub 9 e sub 19, que reunirá a máis de 60 deportistas de clubs de toda Galicia para disputar esta proba que se celebrará a porta pechada e con todas as medidas de prevención necesarias. “Sentimos orgullo de que Ponteareas se convertera este ano en vila de acollida de moitos campionatos e torneos de bádminton, o que revela a boa saúde deste deporte no noso concello”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

Organizado pola Federación Galega de Bádminton e polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello, neste campionato disputaranse as categorías individual masculina e feminina, dobres masculinos e femininos e mixtos. Os encontros desenvolveranse aproximadamente dende as 09.30 ata as 20.00 horas de forma ininterrompida.

Unha competición na que se poderá gozar do alto nivel do bádminton galego nestas categorías, xa que “do Campionato de España celebrado a pasada fin de semana en Santander dos cinco títulos os galegos gañamos 4, co que estrearemos campións de España en Ponteareas”, sinala o presidente da Federación Galega de Bádminton, Rodrigo Sanjurjo. Dende a Federación queren agradecer ao Concello e ao Club Bádminton Ponteareas a súa continua colaboración na organización destes eventos.

O CB Ponteareas é un dos clubs que está a traballar do deporte de base dunha forma máis efectiva, polo que será o que máis xogadores e xogadoras presentará á categoría sub 9, a que conta cos deportistas máis novos. “Agardamos que todas as persoas participantes e as súas familias poidan desfrutar dunha xornada de bádminton moi vistosa e tamén da propia Ponteareas”, destaca a director técnico do club ponteareán, Víctor Lemos.

Campionato Galego sub 9 e sub 19 de bádminton