viernes. 22.11.2024

O pasado xoves 16 de setembro, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicas as listaxes definitivas de subvencións a entidades deportivas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos. En total, esta primeira convocatoria contou cun orzamento de 700.000 euros consignados a clubs e federacións cos que se conseguiu material deportivo por valor de preto de 1,3 millóns de euros. Cómpre lembar que o financiamento outorgado polo Goberno galego é do 80% do gasto subvencionable e que as entidades poden recibir o 100% da subvención de xeito anticipado.

A segunda convocatoria do ano 2021 tamén foi anunciada no DOG do 16 de setembro e contará cun orzamento de 1.910.000 euros, polo que o investimento para o equipamento deportivo de clubs e federacións, acadará neste exercicio os 2,61 millóns de euros, case catro veces máis que o destinado no exercicio de 2020. As solicitudes para a segunda convocatoria poderanse presentar ata o 17 de outubro.

Nesta primeria convocatoria que vén de ser resolta, as federacións deportivas galegas acadaron un financiamento de 210.000 euros co que adquiriron equipamento deportivo por valor de 301.601,20 euros. En total foron 26 as federacións galegas beneficiadas, das que 11 -judo e disciplinas asociadas, remo, kickboxing, atletismo, piragüismo, ximnasia, vela, surf, tiro olímpico, baloncesto e actividades subacuáticas- recibiron a máxima contía de 10.000 euros. Tamén foron subvencionadas a Federación Galega de deporte adaptado (6.547,93 euros), taekwondo (7.648,16 euros), boxeo (8.960 euros), karate e disciplinas asociadas (4.246,66 euros), loita e disciplinas asociadas (6.400 euros), salvamento e socorrismo (9.600 euros), squash (4.173,16 euros), tríatlon e péntatlon moderno (9.758,72 euros), ciclismo (9.975,20 euros), orientación (4.019,09 euros), motonáutica (2.710,40 euros), tenis (7.992 euros), hípica (8.042,14 euros), fútbol (8.859,48 euros) e tiro con arco (1.609,14 euros).

No caso dos clubs deportivos, recibiron un total de 490.000 euros cos que adquiriron equipamento deportivo por valor de 982.296 euros. En total, foron subvencionados 119 clubs de toda Galicia (52 da provincia da Coruña. 49 de Pontevedra, 11 de Lugo e 7 de Ourense), dos que 53 recibiron a máxima contía de 5.000 euros.

CONVOCATORIAS

A orde de subvencións para equipamento deportivo achega aos clubs e federacións material específico, material non específico e material sanitario podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta. No que respecta ao material sanitario inclúese equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

As entidades que recibiron axuda en 2020 poden volver recibir subvención nalgunha das dúas convocatorias de 2021. Non obstante as entidades que non recibiran subvención nestes exercicios contan con 10 puntos co obxectivo de achegar estas subvencións ao máximo de entidades posibles ao longo desta lexislatura.

119 clubs e 26 federacións, beneficiados coa primeira convocatoria para a adquisición...