Xulio Fontes, artista plástico ourensán de Quintela de Leirado, a pesar de residir en Vigo, nunca deixa de visitar Forxán, onde está a deixar a súa pegada creativa nos muros do lugar, nas saias do Penagache. As súas intervencións pictóricas en forma de murais sorprenden tanto aos veciños como aos que chegan de fóra a Quintela de Leirado.
Porén, as autoridades municipais non prestan atención a estas intervencións no eido rural, situando os contedores do lixo diante das pinturas, a pesar de haber espazo suficiente arredor para dar máis visibilidade a estas creacións que tanto sorprenden e para respectar o traballo do artista. Fontes, que ten como berce este mesmo lugar, xa realizara intervencións plásticas nos postes da luz do Concello, sendo eloxiado nos medios de comunicación e por persoas sensibles á arte e á natureza no contexto rural.