viernes. 22.11.2024

Tui vai celebrar na cidade parte deles xa afianzados coma Música no Claustro, IKFEM, Arraianos e Play Doc, e outros novidosos coma os de Artesd e Rúa e o MUMI.

O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou a “excelente calidade” da programación presentada esta mañá en Tui referíndose tamén ao “verán moi rico en actividades” que terán en Valença. E salientou o Festival Internacional de Artes de Rúa que neste primeiro ano brindará 12 espectáculos e 6 pasarrúas para público familiar na Eurocidade Tui-Valença entre o 23 e 25 de xullo.

Do 1 ao 7 de agosto celebrarase Música no Claustro, Festival de Música, Patrimonio e Creación, que se desenvolverá na Catedral. O seu director Samuel Diz expuxo que “chegamos a edición número quince con toda a ilusión, enerxía e retos de dinamizar, de investigar, de coñecer e de facer noso o  noso patrimonio”. Salientaba coma novidade o Foro Profesional de Instrumentos Musicais, único en España dedicado ás profesións vinculadas aos instrumentos musicais. Tamén destacaba a aposta por distintas residencias artísticas que crearán proxectos propios ex profeso para o festival.

Andrea González, directora do IKFEM, Festival de Instrumentos de Tecla da Eurocidade, salientou coma o festival que do 18 ao 22 de agosto celebrará a súa novena edición “creando unha programación que pretende simbolizar que non existen fronteiras, somos unha cultura única, moi variada, … e estamos nun espazo que simboliza precisamente esa unión de culturas”. O próximo luns presentarán o programa ao completo do que destacou será “moi ecléctico, moi variado en estilos musicais e aberto a todo o público”.

O festival Arraianos celebrará unha edición especial Xacobeo do 27 de agosto ao 5 de setembro “cunha estrutura cambiada” edición distinta coma explicaba a súa directora Andrea Costa. Avanzaba así que “as actividades cobran un papel esencial” fomentando a economía no sector da restauración do comercio local” con cheques regalo e un premio e até mil euros para consumir en Tui.

A Eurocidade Tui-Valença acollerá o I Encontro Profesional da Musica Galego Portuguesa, MUMI, co que crearán “unha sinerxia entre o que é a música galega e portuguesa” segundo Ana Rodríguez do MUMI. O 9, 10 e 11 de setembro presentaranse distintas bandas galegas e portuguesas, haberá actividades na rúa e mesas redondas nas que abordarán distintos temas que “fagan que teñamos unha industria cultural máis forte”.

Ángel Sánchez, codirector de Play Doc abriu a súa intervención destacando o “crisol de diversidade” nos proxectos presentes nesta programación. Destacou a ilusión coa que dende o festival afrontan este “ano de transición” no que van celebrar a 17ª edición de Play Doc do 22 ao 26 de setembro “coa esperanza de que o ano poidamos retornar á primavera”.   Recuperarán o espírito que inicialmente tiña o festival co carácter internacional con convidados, crítica e retrospectivas internacionais. Tamén repetirán a “hibridación do festival” coa dixitalización de certos contidos, coma fixeron o ano pasado a través de Filmin. Tamén volverán explorar diferentes espazos de Tui a través das ferramentas audiovisual, e mergullaranse de novo no arquivo fílmico local, coa relectura do mesmo propondo traballar sobre o mesmo a distintos artistas. A formación estará tamén presente nas actividades paralelas en versión presencial e en liña.

PROGRAMACIÓN

O Paseo Fluvial acollerá ás seis proxeccións de cinema previstas con capacidade para 300 espectadores, que poderán reservar a súa entrada, dende o luns da semana da proxección, en www.tui.gal, cun máximo 3 entradas por persoa.  No mes de xullo as proxección será ás 22.30 h, o martes 13 poderase ver  "Zog y los doctores voladores", o mércores, 14 de xullo, "El viaje de Chihiro"´e o xoves "Stand by me". Xa en agosto a cita será ás 22 h o martes 10 con "Los Goonies", o mércores 11 con "Fiebre del sábado noche" e o xoves 12 "Abominable"

A praza de San Fernando acollerá o venres, 16 de xullo, ás 22 h o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío dentro do programa "Música no ar" da Deputación, o venres, 13 de agosto, ás 21 h a Nova Galega de Danza co espectáculo "Leira" ao abeiro de “Propulsa” da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.  Haberá capacidade para 120 espectadores que deberán reservar previamente a praza en www.tui.gal dende o luns da semana do espectáculo.

A ribeira de Caldelas acollerá o venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de "A contenda dos labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca". Trátase unha produción da Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego para o Festival de Almagro, coa que se conmemora o 350 aniversario desta peza teatral que foi o primeiro texto dramático escrito en lingua galega.

Seis festivais internacionais en Tui