O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación das novas edicións que Editorial Galaxia en colaboración coa Xunta de Galicia elaborou das obras Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando o Suso foi carteiro, da autoría de Xosé Neira Vilas, un dos escritores máis sobranceiros do noso país.
Valentín García sinalou que a reedición destas tres obras de Xosé Neira Vilas “é un motivo de alegría para toda a sociedade galega” posto que se trata dun dos autores “máis coñecidos e traducidos das nosas letras, responsable de introducir na lectura na lingua propia de Galicia a varias xeracións de galegos e galegas e mais un dos pioneiros na súa exportación a outros contextos culturais”, abondou.
Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén interviñeron no acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
REEDICIÓN
A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo.
Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. O de Gres ofrece nesta novela a historia da emigración no seu conxunto a través de vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos e homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade.
Dedicado á cativada, completa esta triloxía de títulos o libro De cando o Suso foi carteiro, acompañado das ilustracións de Kristina Sabaite e pertencente á colección Árbore de Galaxia, especializada na literatura infantil e xuvenil.
Co gallo do sexto aniversario do pasamento de Neira Vilas, a Fundación homónima e Edicións Embora, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrecen tamén este domingo o concerto Cantos de Amor, coa soprano Victoria Acón e Vicente Castro ao piano interpretando poemas do homenaxeado. Os interesados poderán asistir de balde o vindeiro día 28 ás 18,00 na igrexa de Gres
FIGURA CLAVE
Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi un escritor, ensaísta e xornalista galego. Membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, deixou como legado unha extensa obra literaria na que destacan as Memorias dun neno labrego, a novela galega máis traducida e reeditada da historia das nosas letras, publicada por primeira vez en Arxentina en 1961.
Ao longo da súa vida, Neira Vilas recibiu numerosos galardóns e recoñecementos como a Medalla Castelao ou o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010.