domingo. 05.05.2024

'Leira' é o título do espectáculo que Nova Galega de Danza presentará mañá venres, ás 21 h, na praza de San Fernando dentro do programa “Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio” da Xunta de Galicia, e formando parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.

É finalista dos Premios Max ao mellor espectáculo e mellor interprete masculino de danza.

O espectáculo contará  con aforo limitado a 120 persoas. As prazas cubriranse por orde de chegada, con acceso pola praza Norte.

“Leira” está dirixido por Jaime Pablo Díaz, con coreografía de Iker Gómez e música de Sergio Moure de Oteyza. Darán vida ao espectáculo as bailarinas e bailaríns Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar, César Louzán, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández, e Uxía Rivas. Contará con música en directo con Rosa Cedrón xunto á voz de Aida Tarrío e a percusión de Miguel Anxo López.

“Leira” é un espectáculo de danza e música que transporta o público á dura beleza dos labores do campo, estreitando os lazos entre o corpo e a terra. A muller é o centro desta conexión. Sucédense as xornadas e as estacións en crúas paisaxes de intemperies habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra. Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo, a celebración dunha Galicia intemporal e máxica.

“Leira” é finalista nos premios Max, que se fallarán en outubro, na categoría de Mellor Espectáculo de Danza, e na de Mellor Intérprete Masculino de Danza con Iván Villar.

A busca de novos xeitos de expresión que fusionaran a tradición folclórica galega coa danza contemporánea por parte dos bailaríns Vicente Colomer e Jaime P. Díaz, deu lugar a Nova Galega de Danza. A súa primeira montaxe foi “Alento” en 2003, ao que seguiron “Engado”, “Tradicción”, “Dez”, “Son” e agora “Leira”. Nova Galega de Danza fusiona en directo danza e música de raíz galega, tradición e vangarda con vocación universal.

Nova Galega de Danza presenta mañá en Tui 'Leira'