A Deputación de Pontevedra organiza obradoiros creativos de colaxe no Museo de Pontevedra durante os días non lectivos da Semana Santa. A actividade está inspirada nos emblemáticos panos que Castelao realizou para a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, cuxas réplicas se exhiben actualmente no museo con motivo do centenario da agrupación.
Os obradoiros terán lugar o martes 15 de abril, de 11:00 a 13:00 horas, para nenas e nenos de 6 a 9 anos, e o mércores 16 de abril, no mesmo horario, para idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. As inscricións abriranse este mércores 9 de abril ás 10:00 horas a través da páxina web do Museo de Pontevedra.

A actividade proposta consiste en interpretar, mediante a técnica da colaxe, dous dos panos que Castelao pintou para a Sociedade Coral Polifónica. As nenas e nenos participantes porán en práctica a súa capacidade de síntese, realizando bosquexos a lapis e creando unha composición con papel de calco e cartolinas de cores.
Empregaranse como modelos o pano de boca de San David, que amosa o logotipo da Polifónica sobre unha trama de flores, e o pano coa escena dunha romaría, elaborado por Germans Salvador en 1986 a partir dun bosquexo orixinal de Castelao.
A exposición ‘Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia’ permanece aberta ao público no Museo de Pontevedra ata o domingo 20 de febreiro de 2026. A mostra ofrece un percorrido pola centenaria historia desta entidade, fundada por figuras como Antón Losada Diéguez, Antonio Iglesias Vilarelle e Castelao, co obxectivo de promover a cultura galega a través da música.
A exposición inclúe diversos documentos impresos, manuscritos, fotografías e obras de arte que testemuñan a importancia da iniciativa e a relevancia cultural das persoas que a impulsaron. Tamén se exhiben reproducións a gran formato de cinco dos dez panos de escena que Castelao realizou para a Polifónica entre 1926 e 1934: Pórtico románico, Rosetón oxival, Interior de igrexa, Arco da vella e Capela oxival. Debido ás súas grandes dimensións, os orixinais non poden ser expostos, polo que se realizaron reproducións ao maior tamaño posible.