'Nina Ninette' é o título do espectáculo da danza dirixido a público familiar que chega este venres, 12 de novembro, ás 19.30 h ao Teatro Municipal de Tui dentro da programación de Outono. Será da man da compañía Traspediante e coas bailarinas Marta Alonso Tejada e Paula Quintas e a actriz Carlota Mosquera.
María Torres dirixe este espectáculo inspirado no estética do Ballet Triádico de Oskar Schelemmer, cando se cumpren 100 anos da súa estrea. A escenografía, cun fantástico labirinto, foi deseñada por Gonçalo Guerreiro e a música corresponde a Alex Salgueiro. Este espectáculo estreouse o 7 de marzo de 2021 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico, habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Todo é tan diferente, tan brillante, tan fermoso! Pero Nina estraña o seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto e como todos os labirintos, é moi fácil entrar pero moi complicado saír. Será que ela o consegue?
As entradas, aos presos de 4€ e 3€ están á venda en www.tui.gal até dez minutos antes do inicio da función.
Traspediante é o proxecto artístico galego integrado por Marta Alonso Tejada, Paula Quintas e Begoña Cuquejo que desde 2008 combina o traballo de compañía co de xestión cultural, en proxectos como o Festival Corpo(a)terra, o programa de formación Enxebre Danza ou o programa de Adestramento Profesional en Danza Contemporánea en Santiago de Compostela.