Se no festival Sinsal SON Estrella Galicia é o público quen se sorprende ao ver o cartel; as bandas e solistas que participan no evento -a meirande parte delas é a primeira vez que visitan Galicia- son quen descubren, sorprendidas, ao chegar a Redondela, a espectacular contorna natural na que se atopa a illa de San Simón.
Na mañá deste luns, cinco das bandas e solistas que conviviron co público esta fin de semana no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón tiveron a ocasión de coñecer, de perto, o patrimonio natural da Ría de Vigo. A manchega Lapilli, as nixerianas Aunty Rayzor, o ugandés Afrorack, a palestina Haya Zaatry e o keniata Kabeaushé, ao bordo dunha embarcación histórica e acompañadas de guías, descubriron a diversidade mariña da zona e achegáronse ás bateas para descubrir a labor do sector do mexillón nas Rías Baixas.
A visita, celebrada coa colaboración de Estrella Galicia e encadrada como parte das actividades de promoción e difusión cara ao exterior do territorio que Sinsal realiza no marco dos Rías Baixas Fest (a campaña promovida pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas), rematou cunha pequena degustación e, incluso, con actuacións improvisadas das artistas Aunty Rayzor e Lapili en frente da ensenada de San Simón.