A quinta edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño premiou en setembro de 2022 a José Luis Baños de Cos, coa súa obra 'Lume'. O xurado do certame organizado polo IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia en colaboración co Concello do Porriño, decidiu por unanimidade outorgarlle o premio ao ser unha obra moi acaída pola temática e pola lingüaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.
Mañá xoves, o centro cultural municipal acollerá o acto de presentación do libro a partir das 19 h. Acompañando ao autor estarán o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a secretaria do xurado do premio, Raquel Castro, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Lume, unha invitación a preguntarnos de onde procede a violencia
Publicado na colección Costa Oeste da editorial, Lume conta a historia de Roi, un rapaz de dezaseis anos, cunha vida igual á doutros rapaces da súa idade. Un rapaz que toma unha serie de decisións que o levarán a cometer un horrible crime.
A verdadeira protagonista de Lume é a violencia, cada vez máis presente na nosa sociedade, con múltiples formas e, en moitos casos, agochada tralo anonimato da masa grupal. Contada de xeito non lineal, ademais de Roi, tamén teñen cabida as voces dos seus achegados, que amosan os feitos e as súas consecuencias desde diversos puntos de vista.
José Luis Baños de Cos
Licenciado en Antropoloxía Social, Baños de Cos cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro. Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo, o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia, o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura, o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas, o Premio teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte, e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.