O Concello de Vila de Cruces acolle ata o 30 de abril unha exposición que reúne unha ducia de obras de nove creadores que participaron na última edición da Xuntanza Obradoiro das Artes Plásticas da Fundación Paco Lareo, A Solaina de Piloño. A mostra está situada nas escaleiras do concello.

A exposición inclúe doce obras, tanto de pintura como de escultura, asinadas por nove artistas procedentes de diferentes puntos de España, seleccionados e convidados polo Padroado da Fundación para participar na XVII Xuntanza, Casa Museo A Solaina de Piloño.
Ada Garrués Paularena (Pamplona), Aitana Iglesias Rodríguez (Lalín), Alba Matilla Iglesias (Asturias), Clara Letón Gil (Madrid), Inés Ortiz García (Burgos), Jesús Ramos Valencia (Cáceres), Noa Blanco González (Lalín), Manuel Cruz López (Almería) e Carlos Santos (Colombia), afincado na capital do Deza, foron os participantes que crearon diversas obras nos talleres ao longo da semana da Xuntanza e que intercambiaron opinións, experiencias e sentimentos. A xuntanza lembrou e homenaxeou, de xeito póstumo, ao artista multidisciplinar Paco Pestana (Castroverde, 1949-Lugo, 2021).

A exposición, agora patente no Consistorio, foi presentada polo Alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada, a Presidenta da Fundación Paco Lareo, Carmen Lareo, e o Concelleiro de Cultura, Julio López Carballal.