Chegou a este mundo, na terra de Castelans, nas ladeiras do Paradanta, berce, igualmente, dos seus pais. De Covelo, a Vigo, cidade onde na década dos sesenta o seu proxenitor abriu na rúa dos Cestos, mesmo na zona vella, o bar A Pedra. Chegarían despois o Regia, en López de Neira; La Barra, en Méndez Núñez e mesmo en fronte, O Carballo, onde Miro se familiarizou con intelectuais da cidade e cos que ían chegando de máis alá do Padornelo.
En Librouro coñeceu a Urbano Lugrís, pintor surrealista, o mesmo que se decatou das actitudes do rapaz para as artes, igual que percibirá Antón Patiño.
"Se queres pintar, baixa á Librería e le todo o que poidas. Logo o cerebro xa lle vai dicir á man o que ten que facer".
Gañou un concurso de pintura cando tiña dez anos.
O terceiro fillo de Delmiro Carballo Couñago, fundador do mítico bar das empanadillas, conseguiu no ano 1965 o primeiro premio de Debuxo Infantil da Caixa de Aforros de Galicia, cando tiña dez anos. Sexa como for, a vida encamiñouno polo mundo das finanzas, sen abandonar a faceta artística.
A partir de 1970, realiza exposicións na Galería Van Gogh; en 1973, Mostra Colectiva, Caixa de Aforros Municipal de Vigo, coincidindo coa Feira Empresarial World Fishing Exhibition.
Colgaría despois obra plástica na Galería Van Gogh, na cidade da oliveira, e na Sala Universo de Pontevedra, mesma cidade onde ten obra no Museo Provincial.
Miro non esquece as exposicións ao aire libre na Praza da Princesa.
A última que presentou tivo lugar na Sala Abanca, na rúa Velázquez Moreno, onde, entre outros cadros, presentou dous retratos, do escritor Méndez Ferrín e de Laxeiro, este último doado á Fundación que leva o nome do pintor de Lalín, creadores un e outro que admira igual que os inesquecibles Alfonso Sucasas, Lodeiro, Salvador Dalí, Velázquez ou Goya.
Miro considera as tertulias esencia humana e non só lle cantou aos Muíños do Folón e do Picón, senón que trasladou á tea unha obra para participar na exposición itinerante polo Camiño Portugués, desde Lisboa a Santiago de Compostela, xunto a elevados expoñentes da paleta.
"Gocemos da auga do Folón e do Picón, indo de muíño en muíño/ Facendo camiños, ao seu xeito brincadeiro coa auga do Folón e do Picón/ Axudando aos rosaleiros a moer o millo/ Despois da muíñada, xogando e lembrando a natureza e os homes entre a vida e a morte, entre as pedras e a terra gauda para chegar ao pai dos ríos, vai o mar.
Miño, non te esquezan as xentes que tanta vida deron á beira dos muíños.
Chegaron as calores, chegaron os amoríos/ Chegaron os seráns e tamén os verdes figos".