sábado. 23.11.2024

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou este serán, no Centro Cultural Torrente Ballester, na inauguración da mostra Imaxe de cen anos, coa que o Concello de Ferrol abre o ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero, ilustre fillo da Cidade Departamental a quen a Real Academia Galega (RAG) lle renderá homenaxe o vindeiro Día das Letras Galegas.

Valentín García sinalou “que Ferrol pode enorgullecerse de ser o berce dun dos autores máis influentes na evolución da cultura galega ao longo do século vinte: aquel que coa súa obra inaugurou os estudos literarios galegos, aquel que levou a lingua propia de Galicia ás aulas universitarias, aquel cuxo pensamento lingüístico marcou os debates sobre o galego do derradeiro terzo da centuria”.

Xunto co secretario xeral, interviñeron na inauguración Ángel Mato Escalona, alcalde de Ferrol; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Margarita Carballo-Calero Ramos, filla de Ricardo Carvalho Calero, e Delia Vázquez Vázquez, estudosa do autor homenaxeado. Tras o acto institucional, autoridades e convidados asistiron a unha visita guiada á exposición.

FERROLÁN ILUSTRE

Ricardo Carvalho Calero naceu en 1910 en Ferrol, cidade onde pasou a infancia e a adolescencia e da que foi nomeado fillo predilecto en 1990, semanas antes do seu pasamento. Autor de poesía, narrativa e teatro, destacou tamén como historiador da literatura galega e primeiro catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela.

Agora, e ata o vindeiro 31 de maio, o Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol acollerá a mostra Imaxe de cen anos, que percorre a súa traxectoria. Trátase dunha exposición biobibliográfica que consta de máis de trinta primeiras edicións de publicacións de Ricardo Carvalho Calero e mais dunha serie de obxectos persoais cedidos pola súa familia, tales como placas de recoñecemento, as medallas da Real Academia Galega e de cátedra, reloxos de pulso ou de peto, un calzador ou o seu bastón.

Comeza o ano dedicado ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero