A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.
O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos entre abril e xuño, e un segundo bloque con cinco conferencias dirixidas a institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2022-202 -de setembro a decembro-.
Mañá xoves, 19 de maio, celebrarase unha nova sesión, ás 19.00 horas, de xeito online -o enlace obtense unha vez rexistrados na páxina web da Deputación-. Estará moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.
Os movementos sísmicos en Galicia: porque se producen e cal é o maior perigo que podemos agardar deles
Juan Ramón Vidal Romaní é catedrático emérito da Área de Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña, ademais de Académico Numerario da RAGC. Falará sobre os movementos sísmicos en Galicia, porque se producen e cal é o maior perigo que podemos agardar deles.
“A voadura nunha canteira, a caída dun obxecto de grandes dimensións, todo produce vibracións, ruídos, sismos que chegan a nós con claridade. Os que nos provocan unha maior inquedanza son os terremotos, xerados pola liberación da enerxía da Terra, que pon de manifesto a fraxilidade da vida” -indica o experto-.
O catedrático lembra que Galicia emerxeu do mar hai 300 millóns de anos. A súa costa formouse debido ás grandes fallas que romperon a cortiza terrestre, dándolle a súa forma actual. Desde aquela, as fallas non deixaron de moverse e do seu rozamento xorden os sismos. “Aínda que se forman a moitos kilómetros de profundidade, non os sentimos ata que a súa vibración chega á superficie da Terra, nun punto chamado epicentro” -explica-.
“En toda a contorna da costa galega producíronse epicentros e tamén no interior de Galicia, aínda que en menor cantidade. A diferenza é que dos epicentros no mar poden xurdir tsunamis, grandes ondas que invaden a costa penetrando nas rías ou estrelándose contra os cantís rochosos. Pero Galicia conta cun vixía excepcional, unha construción feita con grandes pedras, sen un gramo de cemento: os hórreos, testemuña de que en Galicia os sismos adoitan ser civilizados” -apunta con humor Juan Ramón Vidal-.
A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra . Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.