A Fundación Manuel Moldes continúa co seu compromiso de recuperar e dar visibilidade ao legado de Manuel Moldes. Abriu as súas portas cunha exposición antolóxica de obras que abranguía máis de cinco décadas de traballo, amosando a riqueza e variedade da obra do pintor do Lérez.
Hai escasas semanas, clausurou unha mostra que, compartindo espazo cos cadros de Mikel Díez Alaba, celebraba medio século da presentación formal de Moldes no circuíto galerístico de Madrid en 1974, unha etapa pouco documentada do pontevedrés e que permitiu situalo mellor no contexto artístico estatal.
Seguindo con esta liña de pensamento, a Fundación presenta agora 'Camaradas', unha exposición na que reúne a Manuel Moldes con Mon Vasco, Ignacio Basallo, Luís Borrajo, Guillermo Monroy, Correa Corredoira, Xaime Cabanas, Jorge Barbi e Francisco Mantecón, tomando como nexo a amizade que o artista de Pontevedra compartía con cada un deles.
A maioría destes artistas, así como o propio Moldes, integrantes de Atlántica, grupo renovador da plástica galega nos anos 80 do pasado século, deron e continúan a dar forma ao panorama plástico de Galicia.
A camaradería que dá título á mostra permite entendela como un relato e un lugar de encontro, pensado para a reflexión sobre algúns dos argumentos que ordenan a narrativa artística e para propoñer outras achegas que discutan eses relatos canónicos.
O diálogo moi aberto que presenta entre pintura e escultura e entre artistas tan variados pretende crear novas olladas desde puntos de vista novidosos.
A inauguración de "Camaradas" será o próximo venres 28 de marzo ás 19:00, na sede da Fundación Manuel Moldes, no edificio da Xunta.