viernes. 22.11.2024

O audiovisual galego desembarca no Festival de Málaga con catro longametraxes e unha curta

Despois do seu paso pola Berlinale, tanto Sica, dirixida por Carla Subirana e con produción de Miramemira, como Matria, de Álvaro Gago e produción de Matriuska, recalan en Málaga seleccionadas pola organización do festival e como seguinte paso na súa estratexia de promoción e distribución. As dúas competirán polas Biznagas, os tradicionais premios do encontro malagueño.

O 26º Festival de Málaga exhibirá cinco filmes de produción galega e realizados co apoio da Xunta de Galicia, como son as longametraxes SicaMatriaHoneymoon e Amigos hasta la muerte, e a curta Ulises. Estes títulos encabezan unha ampla representación do audiovisual galego no certame especializado en cine iberoamericano que se desenvolverá ata o 19 de marzo na cidade andaluza, xa que a presenza galega se completa noutros apartados do MAFIZ, o espazo dedicado á industria paralelo ao festival.

Os filmes ‘Sica’ e ‘Matria’ competirán na sección oficial a concurso; ‘Honeymoon’ e ‘Amigos hasta la muerte’ terán a súa estrea no apartado Málaga Premiere, e ‘Ulises’ preséntase na selección de curtas de ficción

Despois do seu paso pola Berlinale, tanto Sica, dirixida por Carla Subirana e con produción de Miramemira, como Matria, de Álvaro Gago e produción de Matriuska, recalan en Málaga seleccionadas pola organización do festival e como seguinte paso na súa estratexia de promoción e distribución. As dúas competirán polas Biznagas, os tradicionais premios do encontro malagueño.

Ademais, fóra de concurso, o apartado Málaga Premiere acolle as estreas absolutas de Honeymoon, a película de Control-Z dirixida por Enrique Otero que contou con subvención á produción a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da comedia Amigos hasta la muerte, de Undodez con dirección de Javier Veiga, adxudicataria do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta.

Outro título galego con subvención da Xunta que se presentou xa na carteleira malagueña é  Ulises, de Félix Briel e producida por Gaita Films, dentro da sección oficial de curtas de ficción. No apartado Afirmando los derechos de las mujeres está tamén Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo Pérez. Pola súa banda, Les més grans, traballo procedente do Máster de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona do que é codirectora a galega Marta Codesido, forma parte do programa de curtas documentais.

‘FILMS FROM GALICIA' E ‘AS NEVES’ NO MAFIZ

A Xunta de Galicia apoia os obxectivos comerciais dos profesionais galegos desprazados cun expositor baixo a marca común Films from Galicia instalado no MAFIZ, o espazo de mercado e industria que se celebra en paralelo ao festival. Ademais, como actividade para intensificar a relación entre todos os axentes acreditados, celebrarase un acto promocional específico arredor do cinema galego o día 14, ao que están convidados representantes de distribuidoras, axencias de vendas e prensa especializada, entre outros.

No marco dos Málaga Work in Progress do MAFIZ, As neves, a película de Sonia Méndez coa rodaxe recentemente rematada e aínda non estreada, presentará o seu proxecto diante dunha audiencia de profesionais acreditados, entre os que se atopan persoas delegadas de fondos internacionais.

Pola súa banda, nas diferentes sesións do Málaga Short Corner Market Screenings, as proxeccións temáticas dentro do MAFIZ, figuran os títulos de autoría ou con participación galega Cando o tempo acabe, de Miguel Gómez Abad; Sandwich Cat, de David Fidalgo; Ecotone, de Enar de Dios Rodríguez, e Habitar, de Anxos Fazáns.

Films from Galicia é tamén o título do catálogo que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica cada ano para o coñecemento internacional da máis recente produción galega de cinema e televisión e que continúa en Málaga a difusión da súa nova edición de 2023. Esta publicación, accesible en liña e en formato físico, ofrece unha completa panorámica da actualidade do noso audiovisual, poñendo en valor a calidade e variedade da oferta galega, así como contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.

O audiovisual galego desembarca no Festival de Málaga con catro longametraxes e unha curta
Comentarios