A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle, ata o vindeiro 10 de xullo, a mostra 'Espazo do Eu', realizada pola moza tudense Cora Novoa. Trátase do seu traballo de fin de grado realizado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo.
A propia Cora Novoa afonda na significación desta exposición coas seguintes palabras: para poder partir, en ocasións, precisamos establecer un suposto, catalogar ou fraccionar, como forma de achegamento. Este proxecto xorde da necesidade de entender, explorar e achegarme ao concepto do “Eu” dende o único "eu" que podo experimentar. O eu configura o espazo que habito. Un Eu múltiple, consciente, cambiante, fluido, fragmentado.
Para a concelleira de ensino e cultura, Sonsoles Vicente Solla, que visitou esta mañá a mostra acompañada pola autora, esta exposición “ten a vontade de apoiar á creación realizada polos novos valores nas artes que existen no noso municipio, posibilitando o achegamento do público a estas novas expresións artísticas e colaborando na divulgación destas novidosas expresións plásticas”.