viernes. 22.11.2024

A Biblioteca Pública Municipal de Tui acollerá este luns, 3 de maio,  ás 13 horas a presentación da mostra itinerante “Aquela nena de Sarria”. Trátase dun proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. A mostra conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega.

No acto do luns está prevista a participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, e do presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A mostra poderá visitarse na Biblioteca Municipal até o luns 10 de maio.

EXPOSICIÓN

Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois os seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano. Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida

Xela Arias en Tui