"Así lle gustaría a meu pai, que se compartise con toda a cidadanía de Ponteareas", explica Cristina Rodríguez, filla do destacado ciclista ponteareán, Manuel Rodríguez Barros, quen, xunto coa súa irmá Margarita, tomou a decisión de doar a última bicicleta do seu pai ao Museo de Ponteareas. Grazas á xenerosidade da familia, dende agora a bicicleta que Manuel Rodríguez encargou a Macario para retomar o ciclismo tras a súa retirada en 1960, pode ser admirada por todos.
"Anos despois de deixar o ciclismo, meu pai falou co seu irmán Delio porque quería volver, e así o fixeron. Foi entón cando chamou a Macario para que lle fixese unha réplica da bicicleta coa que competía en La Vuelta a España. Unha bicicleta á medida do seu peso e estatura para volver á estrada", comenta Cristina Rodríguez.
Xuntos, volveron ás estradas da contorna, acompañados dos Cicloturistas de Ponteareas, e tamén realizaron longas distancias nas fins de semana, como as etapas de La Vuelta, co Club Ciclista Vigués. "A meu pai gustaríalle que estivese aquí, no Museo de Ponteareas", engade.
Ademais da bicicleta, a familia tamén doou un retrato do gañador dunha etapa de La Vuelta Cataluña en 1951, quen conseguiu estar entre os dez primeiros clasificados en La Vuelta en varias edicións. Trátase dunha réplica das fotografías que o corredor de montaña se fixo en Madrid, cando, xunto a Delio, facían fotografías en miniatura para agasallar aos seus admiradores.
O concelleiro Ricardo González foi o responsable de recoller das mans da familia este "tesouro que representa un dos maiores orgullos de Ponteareas e que agora temos a responsabilidade de coidar para compartir con todas as persoas que visitan o museo". Adianta o concelleiro que entre as intencións do goberno está a reforma do Museo para potencialo e redistribuír espazos, entre os que haberá un propio do ciclismo.
A alcaldesa Nava Castro traslada o seu agradecemento á familia Rodríguez pola súa xenerosidade: "o ciclismo e o atletismo, así como a arte dos e das nosas alfombristas, son o que nos fan singulares, e por iso apostamos pola súa posta en valor e por prolongar con infraestruturas e apoios aos deportistas e creadores actuais para que así poidan prolongar o legado herdado".