A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra teñen en marcha o segundo bloque do III Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co fin de achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova. Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. Mañá mércores celebrarase unha nova charla deste ciclo, no IES Monte Carrasco de Cangas.
Alumnado de 3º curso da ESO asistirá a unha charla sobre “Microalgas: microbios que fan funcionar o planeta en segredo”. Impartiraa Mª Ángeles Cid Blanco, catedrática de Biotecnoloxía e investigadora do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña.
Tal como explica a catedrática, “as microalgas, descoñecidas para a maioría das persoas, son organismos diminutos e incribles. Son microorganismos que conteñen clorofilas e son capaces de levar a cabo a fotosíntese, como as plantas”. Sinala que “na actualidade existen decenas de milleiros de especies diferentes, pero os seus primeiros antepasados cambiaron o planeta e ocasionaron o primeiro episodio de contaminación ambiental ao producir enormes cantidades de osíxeno. De feito, máis da metade do osíxeno que respiramos provén da súa actividade fotosintética. Ademais, son capaces de asimilar dióxido de carbono (CO2), constituíndo o primeiro eslabón da cadea trófica acuática, xa que forman parte do fitoplancto, sostendo así a vida nos océanos”.
Cid indica que, desde a II Guerra Mundial, as microalgas cultívanse nos laboratorio para diferentes fins, como a obtención de alimento, tanto para humanos como para animais, por exemplo na acuicultura. Así mesmo, desde hai uns anos estúdase a posibilidade de empregalas como fonte de biocombustibles, fundamentalmente biodiésel. Ademais de clorofilas, as microalgas conteñen outros pigmentos cun alto valor de mercado, como algúns carotenoides, que se utilizan na industria farmacéutica e nalgúns produtos cosméticos.
“Pero tamén existe un lado escuro. Unhas poucas especies de microalgas son prexudiciais, como as que causan as mareas tóxicas ou mareas vermellas na nosa contorna, xa que poden sintetizar toxinas” -apunta a investigadora-. Na súa intervención, incidirá no feito de que a súa actividade global como fixadoras de CO2 podería estar en perigo por mor da contaminación que xeramos os humanos, o que levaría a que estas microalgas contribuísen ao aumento do nivel deste composto na atmosfera.