sábado. 11.01.2025

A Biblioteca Municipal de Tui rexistra un aumento do 25% nos préstamos de libros en 2024

A Biblioteca Municipal de Tui incrementou nun 25% os préstamos de libros en 2024, chegando a 18.279 exemplares, e nun 12% o número de usuarios activos, con 1.193. A biblioteca, cun fondo de 33.326 exemplares, consolídase como referente cultural en Tui, cunha media de 61 préstamos diarios e preto das recomendacións da IFLA de 2 volumes por habitante.
A biblioteca, cun fondo de 33.326 exemplares, consolídase como referente cultural en Tui, cunha media de 61 préstamos diarios.
A biblioteca, cun fondo de 33.326 exemplares, consolídase como referente cultural en Tui, cunha media de 61 préstamos diarios.

A Biblioteca Municipal de Tui prestou ao longo do ano 2024 un total de 18.279 libros, o que representa un incremento do 25% con respecto aos 14.536 exemplares prestados en 2023. Este dato reflicte un maior interese pola lectura e o uso dos servizos bibliotecarios na localidade.

Nos últimos 12 meses, tamén se incrementou nun 12% o número de usuarios activos, chegando ás 1.193 persoas que levaron máis de dezaoito mil libros en préstamo. A meirande parte das persoas usuarias activas, 743, son maiores de 14 anos, mentres que 450 son usuarios infantís. Dos 18.279 libros emprestados, 9.898 corresponden a libros retirados por usuarios infantís e 8.381 por usuarios xuvenís e adultos.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, salienta que este incremento de préstamos e usuarios activos “consolida a este servizo de acceso á cultura e á información como unha referencia na vida social e cultural tudense”. Engade que de media se prestan 61 libros diariamente na Biblioteca Municipal, que conta cun fondo de 33.326 exemplares (tanto en formato papel como audiovisual). Isto supón un total de 1,9 exemplares por habitante, un dato moi próximo ás recomendacións da IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Institucións) para localidades coa poboación de Tui, que determinan 2 volumes/habitante.

O Concello de Tui realiza un importante esforzo económico no mantemento deste servizo de biblioteca, cun investimento que supera os cento vinte mil euros (que abrangue os gastos correntes, de mantemento e persoal) para garantir o dereito constitucional á cultura e ofrecer un servizo de calidade. De cara a este novo ano, Sonsoles Vicente sinala que o reto pasa pola ampliación e mellora das instalacións bibliotecarias para dar resposta á demanda cidadá.

A Biblioteca Municipal tudense conta na actualidade con 33.326 volumes na súa colección. No ano 2024, a colección incrementouse con 1.009 novos exemplares: 701 libros, 308 películas e 80 cómics. Destes exemplares, 492 foron adquiridos con fondos propios e fondos procedentes das axudas da Xunta de Galicia, e 517 exemplares proceden de doazóns, especialmente os fondos audiovisuais que corresponden á catalogación da Biblioteca de cinema “Daniel Domínguez”.

A Biblioteca Municipal de Tui rexistra un aumento do 25% nos préstamos de libros en 2024
Comentarios