A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) vén de celebrar a súa Asemblea anual en Santiago. Na xuntanza estiveron o xerente da Asociación, Benigno Amor; o secretario, José Luís Rodríguez, de Agua Sana; Oliva Regueira, de Fontoira; Álvaro García de Quevedo, de Cabreiroá; Antonio Fernández, de Aguas de Sousas: e o tesoureiro, José Manuel García, de Cabreiroá.
O nivel máximo de alerta por onda de calor esténdese a toda a comunidade galega, situación que parece que se manterá alomenos ata o vindeiro venres. Co fin de evitar un golpe de calor, desde Agamin lembran a importancia de manter unha correcta hidratación e de evitar exposición de risco ao sol e ás altas temperaturas para así previr os efectos negativos das elevadas temperaturas que estamos a sufrir, en especial entre os colectivos máis vulnerables.
GOLPE DECALOR E PERDA DE AUGA
Agamin quere sensibilizar á poboación sobre como previr esta patoloxía, que provoca cada ano ao redor de 1.300 mortes en España. O golpe de calor é un incremento da temperatura corporal, xerado como consecuencia dunha exposición prolongada ao sol, a altas temperaturas, pola falta de hidratación ou pola realización dun esforzo físico prolongado nesas condicións extremas. Ante estas situacións, o corpo sofre importantes perdas de auga e ten dificultades para regular a súa temperatura polos mecanismos habituais como a sudoración, producíndose, como consecuencia, un aumento da temperatura corporal. Cando o corpo alcanza unha temperatura de máis de 40°C (durante períodos de 10 ou 15 minutos), estes mecanismos reguladores da calor quedan superados e entran en shock, producíndose entón un golpe de calor.
Os síntomas do golpe de calor, que poden presentarse no momento ou despois de varios días da exposición de risco, divídense en tres niveis en función da súa gravidade: o primeiro nivel supón unha perda de auga entre o 1 e o 5% do noso peso corporal, o segundo entre un 6 e un 8% e o terceiro nivel implica que o organismo perde entre un 9 e un 11% do peso corporal.
Así, ante esta onda de calor, desde Agamin advirten que cómpre garantizar un equilibrio hídrico axeitado e constante, tomando a cantidad necesaria de agua (entre 2 e 2,5 litros ao día como mínimo), a intervalos regulares, bebendo amodo e a pequenos sorbos, sen agardar a ter sede.
AS AUGAS GALEGAS
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse no ano 2011 para defender os intereses sectoriais, fomentar a mellora das empresas, a realización de accións formativas e de mellora ambiental e, en particular, para a promoción do sector das augas minerais naturais de Galicia. Xunto á Asociación de Balnearios de Galicia constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia.
AGAMIN está integrada por un total de 6 empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana en Baiona e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.