domingo. 24.11.2024

A dixitalización de anatomía patolóxica permitirá diagnósticos con maior axilidade e un salto cualitativo na medicina personalizada

A dixitalización dos Servizos de Anatomía Patolóxica da Xunta de Galicia permitirá diagnósticos con maior axilidade e un salto cualitativo na medicina personalizada. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegábase esta mañá ó Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para comprobar en directo como será este proceso de dixitalización dos Servizos de Anatomía Patolóxica de Galicia, no que se invisten máis de 10,3 millóns de euros. Así, o Consello da Xunta autorizou, no pasado mes de xullo, contratacións valoradas en 5,7 millóns de euros para culminar o proceso de transformación dixital destes departamentos centrais do Servizo Galego de Saúde. 
O Consello da Xunta autorizou novas adquisicións tecnolóxicas por 5,7 millóns de euros para culminar o proceso de transformación dixital dos servizos de Anatomía Patolóxica do Sergas, no que se invisten un total de 10,3 millóns de euros.
O Consello da Xunta autorizou novas adquisicións tecnolóxicas por 5,7 millóns de euros para culminar o proceso de transformación dixital dos servizos de Anatomía Patolóxica do Sergas, no que se invisten un total de 10,3 millóns de euros.

A dixitalización dos Servizos de Anatomía Patolóxica da Xunta de Galicia permitirá diagnósticos con maior axilidade e un salto cualitativo na medicina personalizada. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, achegábase esta mañá ó Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para comprobar en directo como será este proceso de dixitalización dos Servizos de Anatomía Patolóxica de Galicia, no que se invisten máis de 10,3 millóns de euros. Así, o Consello da Xunta autorizou, no pasado mes de xullo, contratacións valoradas en 5,7 millóns de euros para culminar o proceso de transformación dixital destes departamentos centrais do Servizo Galego de Saúde. 

Este último investimento consiste concretamente na adquisición de novos escáneres de dixitalización en 131 dispositivos de visualización, e tamén para ampliar a capacidade de almacenaxe destes servizos encargados de procesar probas tan comúns como as biopsias ou as citoloxías. Este concurso está en marcha; xa rematou a presentación de ofertas; e estanse a valorar a tres empresas presentadas.

Conclúese con este chanzo un proceso no que xa se foron investindo 4,6 millóns de euros no desenvolvemento e implantación dun sistema de información corporativo de xestión dos departamentos de anatomía patolóxica (EOS); dotación do equipamento necesario para a trazabilidade das mostras; desenvolvemento dunha plataforma de diagnostico asistido (CAD) no que a Intelixencia Artificial apoia os diagnósticos; e, finalmente, investimento para dotar ao Sergas dun Sistema centralizado de almacenaxe de imaxes.

O conselleiro de Sanidade coñecía esta futura dinámica de traballo no CHUF esta mañá, onde contan cun escáner semellante ós que se están a licitar para esta revolución dixital, na que unha vez máis o Sergas é protagonista. Así, visitou a zona de traballo do laboratorio e proceso actual coas mostras, que termina na tinción como parte previa ó proceso dixital. Logo viron a parte de dixitalización do cristal no escáner. A partir de aí, o proceso de diagnóstico por imaxe faise na estación de diagnóstico e non levando o cristal fisicamente ao microscopio, demostración do proceso que puideron ver nun dos despachos dos patólogos.

O titular da Sanidade pública galega estivo acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo Pardo; a delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros; e por profesionais da Área Sanitaria de Ferrol: o xerente, Ángel Facio Villanueva; a directora de Enfermaría, Isabel Campos Pardo; a directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez Simó; o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Javier Quiles del Río; e o responsable do Servizo de Anatomía Patolóxica do CHUF, Alberto Veiga Barreiro.

DIAGNÓSTICOS DE CALIDADE

Con este novo equipamento, os departamentos de Anatomía Patolóxica das sete áreas sanitarias galegas poderán substituír o tradicional proceso de diagnóstico realizado a través do emprego de microscopios e mostras en cristais, por un novo modelo de diagnose que emprega imaxes en soporte dixital e que conta con sistemas de intelixencia artificial de apoio ao diagnóstico. Entre as melloras que ofrece o novo equipamento, Comesaña destacaba esta mañá a posibilidade de realizar diagnósticos con maior calidade e axilidade; facilitar que profesionais emprazados en diferentes centros poidan acceder ás mostras e a súa información diagnóstica a través das estacións de traballo en rede; optimizar a súa almacenaxe; dotarse de maior obxectividade e precisión na cuantificación por parte do patólogo; reducir os tempos de localización de mostras ou posibilitar o reprocesado das imaxes, o que a súa vez permite xerar series adicionais; así como consolidar uns bancos de imaxes que terán grande utilidade para os ámbitos da docencia e da investigación.

Do mesmo xeito, os responsables de Anatomía e de Sistemas de Información do CHUF, enfatizaban estes aspectos, e subliñaban que a análise dixital permitirá medir, cuantificar, comparar e, sobre todo, compartir en rede unha gran cantidade de información, unha vez que todos os patólogos do Sergas ”estaremos conectados a través de sistemas de telepatoloxía”. Incidiron en que a auténtica revolución de todo este proceso, e o que realmente achegará un valor engadido con evidentes repercusións asistenciais, será a posibilidade do emprego de sistemas de intelixencia artificial (IA) aplicados á interpretación das mostras. O emprego de algoritmos de IA permitirá cuantificar de forma máis exacta e recoñecer lesións con maior facilidade e rapidez.

Esta integración da IA nos fluxos de traballo abrirá inmensas posibilidades no campo da investigación dirixidas ó desenvolvemento de algoritmos adaptados e orientadas a ofrecer solucións de apoio diagnóstico relacionadas coa práctica diaria dos laboratorios en áreas de enorme repercusión sociosanitaria como son, entre outras, o diagnóstico, a estadificación e o establecemento de factores prognósticos e preditivos en cancro, e o estudo de mostras derivadas de patoloxía do transplante, o que se coñece como a medicina personalizada.

CAMBIO CUALITATIVO

Na actualidade, o volume diario de mostras de anatomía patolóxica que realiza o Sergas supera as 5.000, e o seu volume anual supera o 1,1 millóns de mostraxes, entre as que destacan as derivadas de biopsias ou citoloxías. No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o laboratorio de Anatomía Patolóxica é un servizo central a disposición de toda a Área, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde. Ocúpase do estudo de biopsias e citoloxías, e de tódalas pezas cirúrxicas que se extirpan, ademais da realización de autopsias. Na área ferrolá, realizáronse no pasado ano un total de unhas 43.825 accións entre biopsias, citoloxías e necropsias.

Unha gran parte das peticións que xestiona este servizo teñen a súa orixe na necesaria determinación de biomarcadores imprescindibles para o uso de terapias dirixidas no campo da medicina personalizada; e participa tamén de maneira activa en tódolos Comités de Tumores da Área. Este Laboratorio está certificado en Calidade pola norma ISO dende marzo de 2022, o que indica que se producen auditorías externas en base a esa norma que o obrigan a manter e elevar os estándares de calidade. Tamén está acreditado para a docencia MIR, a máxima a nivel docente.

O Laboratorio de Anatomía Patolóxica do CHUF está emprazado no Hospital Naval. O seu traslado a este centro do Complexo dende o Arquitecto Marcide era un dos primeiros pasos na Fase O do Plan Director. Con ese traslado a un espazo totalmente renovado, pasaba dunha superficie de traballo de 250 metros cadrados a 850 metros cadrados útiles, cunha mellora considerable na distribución dos espazos e nas condicións laborais dos e das profesionais, con especial coidado dos aspectos relativos á seguridade no traballo. Á mellora dos espazos sumouse a adquisición de novo equipamento e a renovación de parte do antigo, situándoo como un dos máis grandes e completos de Galicia.

A dixitalización de anatomía patolóxica permitirá diagnósticos con maior axilidade e un...
Comentarios