viernes. 22.11.2024

A Xunta acaba de por en marcha un plan de formación específica gratuíta online para o segmento dos guías de turismo, dando resposta a unha demanda do sector. Trátase de faladoiros especialmente dirixidos a estes profesionais nos que se afondará, entre outros asuntos, no uso das redes sociais na difusión cultural, as técnicas para o relato cultural e divulgativo, así como o patrimonio da Ribeira Sacra, entre outras. Estas actividades formativas foron unha das primeiras medidas impulsadas pola Consellería de Cultura e Turismo para o sector neste contexto de confinamento.

A primeira das accións, centrada no uso das redes sociais na difusión cultural, celebrarase o vindeiro luns 27 de abril ás 17,00 horas e a segunda terá lugar o 4 de maio á mesma hora, sobre técnicas para o relato cultural e divulgativo. Serán impartidas polo especialista Miguel A. Cajigal (@elbarroquista) que ofrecerá os seminarios en directo, respondendo ás dúbidas dos participantes. Os participantes recibirán tamén material informativo e documental con actividades de avaliación e ampliación dos coñecementos. Para ambos cursos está aberto o prazo de inscrición en www.turismo.gal/formacion

Nas vindeiras semanas está previsto que tamén se programen accións formativas sobre o patrimonio da Ribeira Sacra -candidata a Patrimonio Mundial da Unesco en 2021- así como, en función da demanda, sobre arquitectura contemporánea en Galicia ou o Camiño de Santiago.

Estes faladoiros enmárcanse no plan de teleformación para o sector turístico que a Xunta está a levar a cabo a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para dar resposta ás necesidades formativas especiais do sector durante a crise sanitaria. Os cursos, impartidos por especialistas na materia, foron seguidos xa por máis de 1.700 persoas que se formaron en cuestións como xestión de datos, traballo en equipo nas empresas e centros de formación do turismo e a hostelería, comunicación de crise, email marketing, entre outros.

MAIO

A actividade formativa continúa hoxe xoves 23 cun curso sobre boas prácticas no marketing dixital, impartido polo emprendedor Celso Gómez Corba e, a semana que vén, ademais dos faladoiros específicos para os guías turísticos, o xoves 29 celebrarase unha sesión sobre Google Analitycs en hoteis e restaurantes a cargo de Tirso Maldonado, especialista en transformación dixital e no desenvolvemento de negocio on line.

Dato o éxito e alta participación e demanda, están programadas tamén en maio varias accións. O xoves 7 celebrarase a mesa de debate Introdución á Axenda 2020, obxectivos e como implementalos en hoteis, restaurantes e cafeterías e o martes 12 un webinar sobre o Plan de Compliance con técnicas para implementalo nas empresas turísticas.

Todas estas accións son gratuítas e o acceso é por orde de inscrición en www.turismo.gal/formacion. Para facilitar o acceso a estes contidos, a partir do luns 27 estarán dispoñibles tamén na canle de Youtube do CSHG todos os cursos que xa foron impartidos.

#aculturasegue

Estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de formación e ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.

Teleformación para guías turísticos