O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a formación profesional para situar o sector turístico e hostaleiro de Galicia como referente a nivel nacional e internacional.
Nunha visita ao CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, ao que o titular do Goberno galego asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, Alfonso Rueda recordou que Galicia está a vivir un ano récord no que a ocupación turística se refire, coa chegada no que vai de ano de 131.000 peregrinos e máis dun millón de viaxeiros no primeiro cuadrimestre. O presidente da Xunta recordou que “Galicia está de moda” e que o turista busca o modelo de calidade que lle ofrece a Autonomía galega, pero recordou que unha parte moi importante dese éxito se debe ao bo facer dos traballadores do sector. “Penso que ás veces incidimos na riqueza da nosa terra e non valoramos como merece aos profesionais do sector, que son a cara visible do turismo galego”.
Consciente da súa importancia para un sector en alza, a Xunta aposta con firmeza por unha formación do persoal que aspira á excelencia, de aí a recente creación dun grado universitario de innovación gastronómica e xestión hoteleira, pero tamén polo reforzo da Formación Profesional, que está a vivir en Galicia “unha revolución silenciosa” e que conta cun alto grado de inserción laboral que, no caso da FP Dual, chega ao 90%.
A Comunidade galega conta con sete centros integrados de FP e nove institutos que imparten ciclos formativos da rama de hostalería e turismo, con 3.190 alumnos no presente curso. O seu éxito está avalado polos premios que recibe e pola colaboración de empresas de renome e ata de cociñeiros do Grupo Nove.
O presidente da Xunta xuntouse en Pontevedra con responsables dos centros de Formación Profesional da familia de hostalería e turismo de toda Galicia, aos que avanzou que o Goberno galego reforzará aínda máis a súa oferta formativa coa implantación do ciclo de Guía, información e asistencia turística no IES Sanxillao de Lugo, e do novo ciclo de FP básica de Cociña e Restauración en Sanxenxo, “unha iniciativa moi demandada tendo en conta que se trata dun dos concellos con máis afluencia turística de Galicia e de España”.
A maiores, a Xunta investirá tamén nas infraestruturas e nos medios materiais da Formación Profesional, como fará no CIFP Carlos Oroza, ao que destinará 2,7 millóns para a súa ampliación e para dar resposta á elevada demanda dun centro referencial en Pontevedra, “un exemplo de implicación, compromiso e innovación”. As obras permitirán dispoñer de dúas novas aulas de FP básica de Cociña e Restauración, aulas do ciclo superior de Xestión de Aloxamentos Turísticos e unha nova aula de cata.
Perante a comunidade educativa e os representantes do sector turístico presentes en Pontevedra, Alfonso Rueda animou a seguir traballando na mesma liña: “A fonte de enerxía do sector turístico está aquí, nas vosas aulas. Entre todos imos seguir engraxando ese motor para alimentar unha revolución que cada día é menos silenciosa e máis poderosa”.