O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta mañá co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, dous convenios de colaboración co obxectivo de duplicar o persoal do Centro de Atención ao Peregrino e do servizo de seguridade do complexo catedralicio e ofrecer así neste Xacobeo 21-22 a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos.
A Xunta inviste en ambos convenios máis de 1,1 millóns de euros, entre os máis de 846.100 euros que se destinan ao reforzo do persoal de seguridade tanto na Catedral como na oficina de atención ao peregrino do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, así como outros 304.661 euros para apoiar o funcionamento deste centro.
Alfonso Rueda destacou a importancia destas medidas tendo en conta o incremento da afluencia de visitantes neste ano debido á reactivación do turismo e da peregrinación internacional. Así, considera imprescindible garantir a seguridade de todos os visitantes a súa chegada á cidade compostelá e que poidan ter a mellor experiencia posible durante a súa estancia.
A Xunta actúa con planificación e prevención reforzando a seguridade na Catedral e incrementando a contratación de persoal da oficina do Peregrino para axilizar a atención aos peregrinos evitando aglomeracións e reducindo esperas.
O vicepresidente primeiro destacou que Santiago é a meta de todos os Camiños e a Catedral, que alberga os restos do Apóstolo, o maior referente tanto da cidade como do Camiño de Santiago, o maior reclamo turístico da comunidade. Ademais, tanto a cidade vella de Santiago coa súa catedral como o Camiño de Santiago contan co recoñecemento de Patrimonio Mundial pola Unesco.
A Catedral de Santiago é tamén un dos maiores atractivos da cidade compostelá e un dos monumentos máis recoñecidos no imaxinario dos visitantes para identificar a comunidade, o que repercute nun maior interese por coñecer e visitar Galicia. Por iso, a Xunta mantén e reforza neste Xacobeo 21-22 o seu compromiso coa colaboración coa Catedral de Santiago para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos.
Nesta liña, Alfonso Rueda engadiu que o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino que concentra todos os servizos de atención relacionados co Camiño de Santiago: a Oficina do Peregrino, onde se obtén a Compostela; o punto de acollida aos peregrinos, a capela e zona para actos, ademais dun punto de información do Camiño, un espazo para as asociacións xacobeas e biblioteca. Por tanto, constitúe o primeiro contacto dos peregrinos ao remate da súa ruta nun lugar onde teñen á súa disposición todos os servizos relacionados co Camiño e información sobre outros recursos turísticos de Galicia para descubrir repetindo como turistas.
Ademais, sinalou que neste centro selaron xa a súa Compostela máis de 38.000 peregrinos no que vai de ano, preto de 27.000 só neste mes de abril e 3.844 nesta fin de semana. O Camiño de Santiago está a rexistrar cifras históricas de peregrinos neste ano, as máis elevadas na historia do Camiño e do Xacobeo, polo que Alfonso Rueda confía en que se sigan batendo récords no que queda de Ano Santo. Xa o ano pasado se superaron as expectativas con case 180.000 Compostelas, superando en preto de 40.000 as previsións iniciais.
OCUPACIÓN HOTELEIRA
Ademais dos datos récord no Camiño no que vai de ano, o sector turístico achégase ás cifras prepandemia con máis de 551.000 viaxeiros e máis dun millón de pernoitas durante o primeiro trimestre, entre os datos de ocupación de establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de xaneiro e febreiro e os hoteleiros do pasado mes de marzo publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia sitúase 10 puntos por riba da media nacional na recuperación da demanda turística, isto é, un 90% respecto aos datos do mesmo período de 2019 fronte ao 80% do resto de España.
No que se refire só ao pasado mes de marzo, Galicia rexistrou máis de 215.500 viaxeiros e case 412.000 pernoitas achegándose tamén ás cifras prepandemia e 10 puntos por riba da media estatal. De feito, Galicia foi en marzo a segunda comunidade con maior recuperación de viaxeiros fronte ao mesmo mes de 2019, só por detrás de Canarias.