viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo de inscrición para formar parte de accións de información e acompañamento aos peregrinos que percorren a Vía da Prata cara a Compostela. Esta ruta xacobea é a primeira que se abre á participación de voluntarias e voluntarios dentro do programa Voluntariado no Camiño que impulsan a Consellería de Política Social e a de Cultura e Turismo, e que se estenderá a todas as rutas de peregrinación.

A anotación neste programa pode realizarse na páxina web de Voluntariado Galego e os participantes levarán a cabo actividades en dous ámbitos de actuación. O primeiro é o do voluntariado cultural, que consiste no acompañamento aos peregrinos para as visitas a igrexas e outros monumentos da zona. E o segundo ámbito é o do voluntariado informativo, que ten por finalidade dar conta aos peregrinos e visitantes sobre aspectos culturais e de servizos que existan no ámbito territorial, como albergues, oficinas de información ou centros de saúde, entre outros.

No caso concreto da Vía da Prata, as igrexas nas que se poderá colaborar son as seguintes: Santa María de Retorta (Laza), Santa María de Mixós (Monterrei), Santa Mariña de Xinzo (Xinzo de Limia), San Estevo de Sandiás (Sandiás), Santa María a Real (Xunqueira de Ambía), Igrexa de Santiago (Allariz), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Santa María de Vilanova (Allariz), Beato Sebastián Aparicio (A Gudiña), San Cristobo de Cea (Cea), Santa María de Carballeda (Piñor), San Pedro de Vilanova (Dozón) e Santa Eulalia (Silleda).

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ao finalizar a experiencia, esta quedará inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia

DIFUSIÓN

Con Voluntariado no Camiño, a Xunta busca dar a coñecer, por parte das persoas voluntarias, o rico patrimonio artístico e cultural existente ao pé das diferentes rutas do Camiño de Santiago. O obxectivo é favorecer o seu coñecemento de cara ao Xacobea 2021.

Deste xeito, promoverase a apertura de igrexas e monumentos que reflicten a riqueza do legado histórico e relixioso do Camiño de Santiago, durante a época de maior afluencia de peregrinos ao longo das diferentes rutas a Compostela. A través deste programa tamén se promocionará o patrimonio cultural existente como os castros, cruceiros, lavadoiros ou mámoas, e informará aos peregrinos dos servizos de interese dos que dispoñen na súa andaina, tales como albergues ou puntos de información.

Coa finalidade de difundir este programa, a Xunta está a realizar unha serie de charlas informativas en diferentes municipios. Onte realizouse unha en Xinzo de Limia e mañá terá lugar outra en Soutomaior. Esta última para animar a participar en actividades de voluntariado no Camiño Portugués.

A Xunta abre a inscrición para promover o voluntariado nos camiños de Santiago