viernes. 22.11.2024

A Xunta e o Norte de Portugal impulsan unha nova estrutura de cooperación transfronteiriza na contorna da ‘raia seca’ e do Gerês-Xurés

Co novo POCTEP 21-27 mantense a posibilidade de realizar accións conxuntas que potencien a cooperación entre as rexións fronteirizas, creando emprego, impulsando a transición climática e enerxética e ofrecendo unha mellor atención sanitaria, entre outros eidos, ás persoas que habitan nestas rexións. É unha ferramenta para promover un desenvolvemento económico, social, cultural e territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Serra do Soajo, eN pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês.
Serra do Soajo, eN pleno Parque Nacional da Peneda-Gerês.

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe no acto de lanzamento dunha nova estrutura de cooperación transfronteiriza na contorna da raia seca e da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés. No acto, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os presidentes das Comunidades Intermunicipais (CIMs) portuguesas do Alto Minho, do Cávado e do Alto Tamega e Barroso, unha declaración conxunta na que figuran todos os municipios galegos e portugueses implicados.

Jesús Gamallo felicitouse de que toda a fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal vaia estar cuberta por estruturas estables e permanentes de cooperación, o que facilitará o planeamento conxunto e a mellor captación de recursos para proxectos transfronteirizos. No territorio galego, a nova estrutura comprende os concellos de Baltar, Bande, Calvos de Randín, Cualedro, Entrimo, Lobeira, Lobios, Monterrei, Muíños, Oímbra, Padrenda, Quintela do Leirado e Verea. Pola parte portuguesa, inclúe as cámaras de Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro, así como as CIM asinantes da declaración.

O obxectivo da sinatura é manifestar a vontade política de crear un instrumento estable de desenvolvemento conxunto deste territorio, como espazo transfronteirizo cohesionado e singular. Búscase así impulsar proxectos conxuntos e accións candidatas aos programas de cooperación transfronteiriza.

PRESENTACIÓN DO NOVO POCTEP 2021-2027

Previamente, o director xeral participou na presentación dos obxectivos e da estratexia do novo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP) para o período 2021-2027, no marco dun seminario ao que tamén asistiu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. No foro deuse a coñecer o calendario, as bases, as condicións e os criterios de avaliación das tres primeiras convocatorias xa publicadas.

Co novo POCTEP 21-27 mantense a posibilidade de realizar accións conxuntas que potencien a cooperación entre as rexións fronteirizas, creando emprego, impulsando a transición climática e enerxética e ofrecendo unha mellor atención sanitaria, entre outros eidos, ás persoas que habitan nestas rexións. É unha ferramenta para promover un desenvolvemento económico, social, cultural e territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta sinalou que un dos obxectivos do novo POCTEP 21-27 é acadar ao menos o éxito do periodo anterior (2014-2020) onde a área de cooperación transfronteiriza Galicia e o Norte de Portugal foi unha das áreas máis beneficiada da fronteira, tanto no número de proxectos como na proporción de fondos captados do programa, cun investimento total de 163 millóns de euros, distribuídos en 85 proxectos, sinal da vitalidade da nosa Eurorrexión.

A ambos os dous eventos desenvolvidos hoxe en Arcos de Valdevez no marco da cooperación transfronteiriza coa rexión Norte de Portugal tamén asistiron o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha, e a Secretaria de Estado do Desenvolvemento Rexional do Ministerio de Cohesión Territorial portugués, Isabel Ferreira.

A Xunta e o Norte de Portugal impulsan unha nova estrutura de cooperación...
Comentarios