Un grupo de alumnos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, co seu profesor Xosé Henrique Costas á fronte, visitou a derradeira semana de abril o Val do Ellas, na provincia de Cáceres, para coñeceren a situación sociolingüística do galego que se fala aí. A viaxe, levada a cabo entre os días 25 e 28, incluíu tamén sendas etapas en Olivenza (Badajoz) e Miranda de Douro (Portugal) para informarse de primeira man do estado actual do portugues e do mirandés –unha lingua asturleonesa– nesas dúas localidades, respectivamente.
Trátase dunha viaxe que organiza todos os anos o profesor Costas –catedrático de lingua galega e portuguesa– cos seus alumnos da materia de Variación e historia externa da lingua galega do grao de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios co fin de coñeceren a situación dalgunhas das variantes do galego exterior; é dicir, o que se fala no occidente de Asturias (no chamado Eo-Navia), nas Portelas (Zamora), no Bierzo (León) e no Val do Ellas. Costas é considerado o máximo especialista na fala desta área cacereña.
O Val do Ellas –tamén chamado Val do Xátima– ubícase no norte da provincia de Cáceres, lindando con Portugal e Salamanca, e ten unha paisaxe sorprendentemente parecida á galega, verde e húmida. Trátase dun val rodeado por montañas, na zona da serra de Gata, con grandes masas arbóreas e bañado polo río Ellas. Está formado por tres vilas –Valverdi du Fresnu, San Martín de Trebellu e As Ellas–, coñecidas como os Tres Lugares, nas que os seus habitantes falan unha variante do galego exterior que eles chaman xenericamente “a fala”. En realidade, son tres falas lixeiramente diferentes entre si que en cada vila reciben un nome distinto: valverdeiru en Valverde, mañegu en San Martín e lagarteiru nas Ellas. Constitúen unha modalidade de galego medieval procedente dun repoboamento con colonos galegos levado a cabo no século XIII, durante a Reconquista, por Fernando II, rei de Galicia, e o seu fillo Afonso VIII (o Alfonso IX da historiografía castelá), rei de Galicia e León. O galego falado aí sobreviviu ata os nosos días grazas ao afastamento e a endogamia do lugar.
O trazo lingüístico máis característicos da fala dos tres concellos é o pechamento extremo das vogais átonas “e” e “i” en “o” e “u”, respectivamente. Así, por exemplo, non din “Valverde do Fresno”, senón “Valverdi du Fresnu”, nin “Cáceres”, senón “Cáciris”.
O PORTUGUÉS DE OLIVENZA
A delegación estudantil desprazouse despois a Olivenza (Badajoz) para coñecer a situación actual do portugués, que foi lingua oficial do concello ata hai douscentos anos, xa que ata entón Olivenza (Olivença en portugués) pertenceu a Portugal.
Olivenza foi parte de Portugal durante máis de cinco séculos, ata a súa incorporación a España en 1801 en virtude do tratado de Badajoz, que puxo fin á Guerra das Laranxas. Porén, Portugal non recoñece a soberanía española sobre a zona, invocando o Congreso de Viena de 1815, aínda que non disputa de forma activa a España súa posesión. O que si está a facer é outorgar a nacionalidade portuguesa aos oliventinos que a piden, e non son poucos.
En 1941, despois da Guerra Civil, españolizáronse por decreto os apelidos portugueses de Olivenza. No entanto, a lingua materna dos máis vellos aínda é o portugués. Os estudantes vigueses interactuaron con algúns deles e visitaron a Universidade Popular, desde onde se está a tentar recuperar este idioma como parte do patrimonio histórico do concello e para aumentar as posibilidades laborais dos mozos, que viven ao lado de Portugal. A delegación galega rematou a súa estadía desprazándose ao CEIP Francisco Ortiz López e as Escolas Parroquiais Sagrado Corazón, que teñen incorporado o portugués ao seu plan de estudos.
MIRANDA DE DOURO E O MIRANDÉS
A derradeirra parada da viaxe dos alumnos da Universidade de Vigo foi en Miranda de Douro, na rexión portuguesa de Trás-os-Montes, fronteiriza coa provincia de Zamora. Alí os estudantes tiveron ocasión de coñecer a situación do mirandés, unha lingua asturleonesa que ten recoñecemento legal, mais non goza aínda de oficialidade real ao non ratificar o Goberno portugués a Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais.
A delegación galega foi recibida pola alcaldesa de Miranda, que ceou con eles no Parador, e na Casa da Lhéngua Mirandesa, institución que loita polo pleno recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos mirandeses. Entre outros moitos tarefas, están a realizar unha intensa actividade editorial, de xeito que o mirandés é hoxe unha das linguas minorizadas con máis edicións no mundo.
Os estudantes vigueses visitaron tamén a aldea de São Martinho de Angueira (San Martino de Angueira, en mirandés), donde tiveron ocasión de falar con algúns veciños maiores que teñen o mirandés por lingua materna e se ocuparon de transmitilo aos seus fillos e netos.