O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gabou hoxe o compromiso de Urovesa coa Formación Profesional orientada ao emprego cualificado e de calidade.
O titular do Executivo galego reuniuse en San Caetano con directivos desta empresa de vehículos especiais aos que lle trasladou a plena colaboración da Xunta co proxecto de Formación, Emprego e I+D+i que están a deseñar para o sector da automoción. En concreto, Urovesa pediu a colaboración da Xunta para facilitarlle a procura de persoal cualificado ante a súa previsión de contratar a máis dun cento de persoas na área de mecánica, electricidade e pintura do automóbil.
Ao respecto, o presidente da Xunta considerou “importante” esta petición de colaboración para a procura deste persoal a través da Formación Profesional dual e apuntou que supón unha mensaxe importante para o resto de empresas que se atopan nunha situación parecida. Neste senso, destacou o “prestixio” co que conta Galicia a FP dual ao ser unha das portas máis directas que existe entre formación e emprego.
EMPREGABILIDADE
Precisamente, o Goberno galego ofertou un 67% máis de ciclos e un 80% máis de prazas que hai 12 anos. Neste senso, Rueda salientou a acreditada taxa de empregabilidade que rexistra a Formación Profesional en Galicia, “superior ao 80% na FP ordinaria e de case o 100% nos ciclos duais”. E como exemplo desta aposta do Goberno galego pola formación profesional esgrimiu ao feito de que a Xunta crease unha Dirección Xeral de FP para darlle un pulo dentro da estrutura do Goberno.
O presidente da Xunta valorou que, entreas firmas que comparten esa aposta prioritaria da Xunta pola Formación Profesional estea Urovesa, á que lle recoñeceu que se dirixira ao Goberno autonómico para incrementar a súa participación na FP Dual no vindeiro curso, tanto no ciclo de Automoción como no de Mantemento de Instalacións Térmicas e Fluídos.
Rueda tamén vencellou esta colaboración entre Administración e empresas ás iniciativas en materia de emprego por parte do Executivo autonómico, como a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, e que están a facilitar a posta en contacto de traballadores cualificados con empresas que están na procura de empregados cun perfil determinado.