Primux é unha empresa tecnolóxica galega centrada no desenvolvemento de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, acaba de poñer en marcha unha liña de produción de última xeración no Polígono de San Cibrao -Ourense-.
Con este novo centro a compañía convértese en fabricante español de ordenadores, a través do certificado CE, emitido por laboratorios españois independentes. “Contar co marcado CE -de Conformidade Europea- nos equipos resultantes da nova liña de produción supón un certificado de calidade que garante que os nosos equipos se producen en España” -resaltan desde a empresa-. En particular, nestas naves desenvolven ordenadores de sobremesa, tanto dedicados ao gaming -videoxogos- como PCs de fogar e de empresa, e tamén realizan a ensamblaxe de torres.
PRODUCCIÓN EN ASIA
A ampliación das instalacións de Primux coa creación desta liña de produción incrementará a competitividade da empresa ao acelerar e mellorar os procesos de produción e ensamblaxe dos produtos, procesos que ata o de agora se realizaban en Asia. Ademais, supón un importante aforro en loxística, ao tempo que se mellora no control de calidade dos produtos.
Por outro lado, o novo centro representa unha clara aposta da compañía polo talento e a xeración de emprego na comunidade galega. Así, a liña de produción permitiu crear máis de dez novos empregos directos, co que a empresa xa supera o medio centenar de empregados no seu conxunto.
Nas novas instalacións xa comezaron a producirse máis de 400 equipos diarios que levan o distintivo 'Made in Spain'. E ten capacidade para ser ampliada con catro liñas máis, o que suporía unha produción de ata 1.600 unidades por día.
A tecnolóxica galega leva máis de dez anos desenvolvendo e deseñando equipos gaming, portátiles, ordenadores de sobremesa e compactos no seu centro de I+D+i de Tecnópole, cun destacado carácter innovador e vangardista.