viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia abre desde hoxe e ata o vindeiro 12 de abril o prazo de solicitude para a selección da entidade colaboradora que se encargará da xestión e organización do novo polo de aceleración do sector dos videoxogos, que bota a andar cunha dotación de 360.000 euros. A publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia supón, ademais, a posta en marcha da primeira das medidas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina especificamente á industria galega dos videoxogos dentro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural e para as que se reserva preto dun millón de euros.

A entidade seleccionada asinará un convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais para actuar como aceleradora dun grupo de entre 10 e 20 empresas e profesionais emprendedores, que será seleccionado a través dunha convocatoria pública da Xunta. A súa participación neste programa estará encamiñada a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos, así como á súa consolidación.

Para conseguilo, o polo desenvolverá unha etapa de aceleración intensiva con consultarías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Tamén está prevista a organización de diferentes xornadas de innovación, dun evento final de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional, así como unha consultaría de seguimento.

Poderán optar a ser entidades colaboradoras entidades asociativas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que conten con experiencia no ámbito dos videoxogos e, en concreto, na organización de actividades de difusión deste sector en Galicia.


FONDO DE AXUDAS AO DESENVOLVEMENTO

A industria galega dos videoxogos é por vez primeira obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento grazas á posta en marcha do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Xunto co devandito polo de aceleración, neste primeiro semestre do ano convocarase un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000€. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.

Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.

Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Xunta, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

O polo de aceleración do sector dos videoxogos bota a andar